Yolanda Castaño e Xosé Tomás
Paleta planeta
Baía Edicións, 34 páxinas, 17,20 €, A Coruña, 2021
Non é a vez primeira, nin moito menos, que se pon en circulación un proxecto creativo conxunto, fundamentalmente no ámbito dos álbums ilustrados aínda que non só, entre Yolanda Castaño e Xosé Tomás. Nesta ocasión fano no seo do catálogo de Baía Edicións baixo o título de Paleta planeta que, coma anteriores proxectos, non defrauda. Nese obxectivo de facer converxer unha lectura plástica de altura, como resulta sempre a de Xosé Tomás, coa palabra profunda e rica da lírica de Yolanda Castaño, teño para min que este é un paso máis, e importante, no que seguir avanzando cara á formación, educación e mais tamén iso que se chama goce estético para o lecturado máis novo a través dese desafío, que ofrece tantas posibilidades, situado entre a ilustración e a poesía.
Este álbum ilustrado, así pois, xoga conscientemente coas sensacións que xeran as diversas cores creando unhas serie de secuencias poéticas independentes e únicas. Imaxe e palabra fúndense desde a instancia de abrazar un punto de vista cosmopolita e aberto, atento sempre ao sensitivo e ao imaxinativo, con especial atención depositada no ámbito da natureza e na irrupción do fantástico, ao abeiro de atmosferas oníricas en ocasións, cun obxectivo nada oculto como é o de camiñar cara á descuberta de novas emocións. Un camiño no que cómpre perserverar, estou convencido.