Tal e como indica Ricardo Gurriarán en Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista (Ediciós do Castro, 1999) Delgado Gurriarán entra, a finais do verán de 1938, na Executiva do Partido Galeguista como responsable da Secretaría de Propaganda, con sede na rúa barcelonesa de Fontanella, 9, 1, 2º A, nun local cedido pola Generalitat que, como se pode ver abaixo, tamén cedeu material funxible e é de supoñer que tamén prestaría outras axudas. A mesma fonte advirte que “pouco sabemos das actividades de Florencio como dirixente do PG” e afirma, asemade, que daquela colaborou intensamente coa Solidariedade Galega Antifeixista.
No seu estudo biográfico fundamental recolle e analiza recupera unha carta de Castelao -reproducida integramente no apéndice do devandito libro nas páxinas 414 e 419- dirixida a Delgado Gurriarán e enviada desde Cuba. Datada esta en febreiro de 1939, talvez sexa resposta á que hoxe exhumamos e que está depositada nos Fondos da Fundación Penzol, concretamente no epistolario cruzado entre Rodolfo Prada e Delgado Gurriarán.
É, o de abaixo, un documento epistolar interesante. Na carta, como se pode advertir, actúa como representante do PG participando dun espírito que define “coma irmáns no ideal”. Na carta, esténdelle os parabéns a Castelao pola actividade propagandística dos valores republicanos e galeguistas que está a desenvolver en América mais, ao tempo, é evidente certo “reproche de irmáns” -que tamén denomina “queixa”- diante da falta de contacto do rianxeiro cos representantes do Partido en Barcelona. Dun ou doutro xeito, a longa carta de Castelao en resposta desta, enténdese agora -talvez- con maior propiedade.
