Contos de Roxín Roxal, de Uxío Novoneyra

Uxío Novoneyra

Contos de Roxín Roxal

Fundación Uxío Novoneyra-Xunta de Galicia, 7 vols. + audiolibros, 2020, 40 €

Van algo máis de dúas décadas desde o falecemento de Uxío Novoneyra: unha voz senlleira que permanece en nós grazas ao seu singular legado literario e, tamén cómpre dicilo, ao esforzo continuado que a Fundación que leva o seu nome leva a cabo para que a chama da súa memoria siga alampeando. Boa mostra do que afirmo é a edición recente dun estoxo que contén sete relatos que o autor escribiu pensando, paréceme, nos seus e mais na incorporación do idiolecto literario courelao, sen querer evitar felizmente algunhas das claves do seu universo estético e vital, a un xénero como é a literatura infantil.

            Compílanse nestes Contos do Roxín Roxal, así pois, sete relatos dos que catro resultan rigorosamente inéditos e todos eles acompáñanse, nesta ocasión, dunha lectura plástica magnífica a cargo de Miguel Robledo. Ademais, cada unha das propostas achega un código QR que posibilita cadansúa audición nas voces de dous dos seus fillos -Branca e Uxío-, de Elba Rey, Manuel Jabois e Nieves Neira.

            Non é difícil advertir nestes relatos, cheos de naturalidade e frescura, chiscadelas á tradición oral narrativa galega e europea, recuperando personaxes lendarias, recorrendo en ocasións ás fábulas e a temáticas onde xorde a rebelión contra as inxustizas manexando, asemade, argumentos onde o fantástico e o máxico se entretecen no cotián nun espazo envolvente e único, isto é, aquel que se amosa no humus profundo da natureza courelá: eidos, panqueixos, gándaras e penedías que, tantas veces, adquiren un rol fundamental como tamén o fan eses corzos e xabarís, eses lobos e andoriñas que nos convencen de que aquel tempo de cando os animais falaban tamén era o de Novoneyra e pode ser o noso.

Relatos, en fin, recomendables para todas as idades que evidencian esa fe inquebrantable e persistente que Novoneyra depositou nunha lingua que palpita: aquela que nos deixa ver e imaxinar “a coor do ucedo nos cumes” e que nos aprende que hai lugares misteriosos ou descoñecidos aos que se pode ir “en soños ou cos ollos”. Abofé: cos ollos que repousan neste galano para os sentidos.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 4 de febreiro de 2022.