Crónica da Galiza bizarra, de Calros Solla

Calros Solla

Crónica da Galiza bizarra

Morgante, 304 páxinas, 20 €, 2021

Cumpría algún día traer aquí o labor de Calros Solla e un recente libro seu, que en pouco tempo xa esgotou a súa primeira edición, dáme pé para facelo. Solla é desa caste de investigadores que, desde hai anos, constrúe unha brillante e esforzada traxectoria, quer no ámbito do activismo para pór en valor parcelas do noso patrimonio etnográfico ou arqueolóxico -monumental é a súa achega, por exemplo, que aborda as singularidades da Terra de Cerdedo-, quer nas indagacións de índole histórica, xornalística ou sociolóxica.

E esta Crónica da Galiza bizarra é, sen dúbida, un libro sorprendente que se devora cunha mestura de sorpresa e abraio a partes iguais. Para a súa redacción Solla mergullouse en hemerotecas e fondos arquivísticos para ir extraendo e escolmando noticias, publicadas na prensa galega entre 1848 e 1968 de aquí e de alén mar, compactadas por amosaren un carácter insólito ou inverosímil. Novas que, por veces, non ocupaban as primeiras planas pero que olladas por xunto nesta colectánea e presentadas cun breve relato inicial a cargo do editor, rescatan un mundo asombroso e estraño, alimentado por xaxúns incribles, animais e persoas con todo tipo de deformacións, crimes ou acontecementos extravagantes que en moitos casos aínda permanecen na memoria dos lugares en que ocorreron. Unha Galicia ás veces mítica e cruzada polo inexplicable e o extraordinario? Sen dúbida, pero tamén unha Galicia que existiu  e se plasmou, co estilo propio da época, na nosa prensa escrita.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 11 de febreiro de 2022.