Castelao. Construtor da nación. Tomo III. 1940-1950, de Miguel Anxo Seixas Seoane

Miguel Anxo Seixas Seoane

Castelao. Construtor da nación. Tomo III. 1940-1950

Galaxia, Vigo, 1092 páxinas, 43 €, 2020.

O historiador Seixas Seoane abordou o que ninguén antes abordara, isto é, contarnos polo miúdo, con todo luxo de detalles e coma se se tratase dunha sorte de caderno de bitácora, o día a día -o longo e crucial día a día- da vida de Castelao. Esta magna biografía, resultado dun esforzo titánico, acaba de se coroar coa publicación do terceiro volume que recolle -aplicando un idéntico criterio exhaustivo que caracterizou os dous anteriores volumes e facendo confluír nel socalcos do ámbito máis privativo e persoal de Castelao con aqueloutros que se proxectan na súa dimensión pública- o período final da súa vida e que se sitúa desde a obtención do permiso para radicarse na Arxentina en 1940 ata os seus últimos días onde protagonizou acontecementos históricos e culturais tan relevantes como, por exemplo, a publicación do seu Sempre en Galiza, o desempeño do seu papel como ministro no goberno republicano no exilio ou a súa actividade como artista plástico coa concepción dese noso Gernika que é “A derradeira leición do mestre”.

Este volume, e os dous anteriores publicados respectivamente nos anos 2019 e 2020, constitúen ao meu ver unha das achegas biográficas máis intensas, documentadas e rigorosas entre as que se publicaron entre nós nos últimos anos. Seixas relatoume hai uns días dous detalles que entendo como importantes para valorar este proxecto inusual: o primeiro é o período de redacción -nove anos!- que dá comezo nunha data simbólica e concreta como foi o 30 de outubro de 2010, xustamente cando se cumprían 90 anos da aparición do primeiro número da revista Nós; o segundo apunta a aquilo que máis o sorprendeu tralo mergullo oceánico na figura de Castelao, isto é, por un lado dar cunha figura que abraza uns principios éticos insubornables e, polo outro, a dimensión crecente que foi acadando como símbolo das liberdades nacionalistas e republicanas e xa non só na Galicia sometida senón a que adquire en ámbitos internacionais e que, talvez, sexa menos coñecida. Dun ou doutro xeito velaquí unha proposta que só se pode entender como un acto de amor á figura de Castelao e ao noso país. Beizón.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, sección “Ex umbra in solem”, o 18 de febreiro de 2022.