Andrea Barreira Freije
Desmontando o corpo, construíndo a ciencia. As xemelagas Fernández de la Vega
Baía, A Coruña, 48 páxinas, 15 €, 2021.
Lin esta proposta ensaística e divulgativa a cargo da escritora Andrea Barreira que considero, pola súa orixinalidade e acerto, debía formar parte desde hai algúns días desta bitácora literaria aínda que sexa brevemente.
A autora manéxase con habilidade nun eido como é o da divulgación para nos achegar as figuras das científicas e xemelgas Fernández de la Vega para un lectorado novo mais, ao mesmo tempo, teño para min que a tonalidade adoptada fai do seu ensaio unha oportunidade ben operativa para calquera persoa lectora con curiosidade.
Velaí, deste xeito, como se nos van revelando datos de carácter biográfico sobre as dúas primeiras doutoras da Universidade de Santiago e que compaxinaron a súa actividade profesional no ámbito da medicina co da investigación. Como conclusión tanto Elisa como Jimena Fernández de la Vega -esta última recoñecida pola Real Academia Galega de Ciencias como Científica do ano 2021- foron, non teño dúbida, un verdadeiro modelo de superación persoal como ben se testemuña nestas páxinas. Asemade guíasenos, de maneira didáctica, polos campos científicos nos que as dúas irmás desenvolveron o seu relevante labor cun feixe de actividades inspiradas, basicamente, no territorio da observación.
Parabéns, pois, á autora por esta iniciativa tan precisa, á editora que o acolleu e á ilustradora, Aynara Pereiro, polo seu suxestivo traballo.