Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán (serie FDG VI)

Ricardo Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista (llimiar de Xesús Alonso Montero)

Galaxia, Vigo, 416 páxinas, 25,50 €, 2022.

En agosto do ano pasado, a instancias dun encargo que se me formulou sobre os aspectos que me suscitaban un maior interese respecto de Florencio Delgado Gurriarán, publiquei un artigo no que reparaba xa na importancia que, para a difusión da biografía e da obra do poeta valdeorrés, tivo aquel libro que, en 1999, Isaac Díaz Pardo incorporou na serie “Documentos” de Ediciós do Castro baixo o título de Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista: un ensaio fundamental a cargo de Ricardo Gurriarán que condensaba un traballo de investigación minucioso e infrecuente que, naquela altura, abriu ángulos descoñecidos na biografía e obra do autor de Córgomo, grazas tamén á incorporación de numerosos inéditos e de diversa documentación descoñecida que se achega, alén de diverso material epistolar rescatado.

Naquel mesmo artigo sospeitaba xa que algunha editorial repararía na relevancia de reeditar aquel volume e poñelo a disposición das persoas interesadas e, en efecto, a editorial Galaxia acaba de pór en circulación unha nova edición daquel volume que conta cunhas páxinas limiares do autor nas que deseña unha breve historia do libro actualizando, ademais, aquelas iniciativas, editoriais e culturais, que chegaron despois de 1999 co obxectivo de ir afondando nos diversos aspectos que ofrecía unha produción literaria e un percorrido vital como o representa Florencio Delgado Gurriarán.

Esta monografía, por outra parte, presenta os contidos da primeira edición fóra dunha corrección de grallas e unha distribución de espazos distinta como é o apéndice gráfico ao final do texto e os apéndices documentais agora colgados na web da editorial Galaxia, alén das notas ao final de cada capítulo.

Cómpre salientar, asemade, a incorporación dun interesante prólogo a cargo de Xesús Alonso Montero responsable directo, no meu caso e tamén no doutras persoas, de desvelar tanto as claves literarias que abrazou o autor de Bebedeira como aquelas que explicaban o seu labor no exilio americano, no desenvolvemento dun curso de doutoramento impartido polo profesor na USC nos comezos dos anos noventa. Cando chegou a primeira edición deste libro era lóxico aprender aínda máis con esta monografía que, agora, vinte e dous anos despois, chega de novo para seguir iluminando con garantías os perfís de Delgado Gurriarán.