O idioma galego baixo o franquismo, de Henrique Monteagudo

Henrique Monteagudo

O idioma galego baixo o franquismo

Galaxia, Vigo, 746 páxinas, 30 €, 2021

Cunha distancia de poucos meses Henrique Monteagudo deixounos dúas mostras do seu máis recente quefacer ensaístico. A primeira é Alfonso R. Castelao. A forxa dun mito, no que recupera e actualiza un traballo de referencia destinado a divulgar a figura do ilustre rianxeiro onde, alén de situalo no seu contexto histórico, salienta as liñas principais do seu pensamento e do seu herdo ideolóxico e literario. A segunda, que aquí nos ocupa, é O idioma galego baixo o franquismo. Un ensaio de dimensións pouco usuais e que afonda na saúde e realidade da lingua galega na época do franquismo: un traballo que posúe un inestimable valor pois contribúe a entender, e non en escasa medida, as razóns que explican as dinámicas do seu uso.

Non hai moitas datas que o profesor Alonso Montero, nestas mesmas páxinas, afirmaba que é este un volume que resultaba «metafisicamente imposible» compendiar nun espazo limitado. Sen dúbida así é pois o percorrido que se deseña neste ensaio é vizoso e suxestivo, construído desde un corpus teórico e que non ignora o apoio que brinda a exposición de aspectos históricos, literarios e sociolóxicos.

Con todo, como lector e docente, quixera agradecer unha achega como a presente pois con esta abordaxe resulta agora máis doado entender o que sería a «questione della lingua» actual. Levados sempre da man de razoamentos irrefutables estas páxinas resultan operativas para explicar a sistemática política represiva e de desprestixio que sufriu o idioma e que se puxo en práctica desde o período da guerra civil ata mediados os setenta como ben se testemuña na súa anulación da vida pública, no inequívoco proceso de substitución que padeceu ou no severo control que se exerceu sobre o seu cultivo.

Un libro que contribúe a superar lugares comúns e falsas verdades sobre este asunto. Ao meu ver, unha achega para non perder e que o debería ser para calquera persoa que queira coñecer, con fiabilidade, unha parte substancial do pasado do noso idioma.

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem” de La Voz de Galicia, o 25 de febreiro de 2022.