Que tempos!, de Xaquín Marín

Xaquín Marín

Que tempos!

Embora, 158 páxinas, 22 €, 2021

Non sei se esta publicación –Que tempos!– que publica a editora ferrolá Embora é unha homenaxe, talvez si e ben merecida, á figura de Xaquín Marín ou un libro de carácter compilatorio e antolóxico dalgúns dos seus traballos gráficos publicados na revista Tempos novos e ordenados para a ocasión por un criterio temático e moi ben acompañados. Se cadra o libro é ambas as dúas cousas e ben está que sexa así.

            Prestoume realizar un novo mergullo na obra dun dos nosos máis excelentes artistas gráficos e que tanto contribuíu a dignificar a banda deseñada galega, e prestoume especialmente porque entendo a súa estrutura como un acerto, isto é, o traballo de Xaquín Marín brilla sempre por si só, quen o dubida, pero aínda máis se se ve acompañado por breves limiares dun conxunto de voces que se achegan, desde as instancias da admiración que suscita o traballo e a personalidade de Marín, mais tamén a excepcionalidade do seu traballo. Son así as voces de Anxo Mena, Alfredo Conde, Francisco Castro, Mª Xosé Porteiro, Eva Veiga, Félix Maraña, Anxo Franco, Yolanda Castaño, María Solar, Miguel Toval e Alberte Ansede as que sistematizan e herborizan o que artista de Fene nos amosa neste volume, isto é, ese monllo de incursións gráficas agrupadas por volta de diversos motivos como son o a preocupación ecolóxica, as desfeitas que tan especialmente magoaron o noso país, os retratos, o sentido da xustiza, a lingua galega, a xustiza, a vida cotiá actual, o terrorismo ou a emigración entre outros.

En efecto, humor e amor de mans dadas sempre, co espírito crítico e o compromiso coas causas xustas que sempre caracterizou a obra de Marín serven para elaborar, amodiño e brillantemente, unha crónica de nós, unha crónica do noso tempo para non perder.