Asulagadas, de Suso Díaz

Suso Díaz

Asulagadas (prólogo de Manuel Lamela Bautista)

Positivas, Santiago, 214 páxinas, 15 €, 2022

Tras Pedro e A utopía que diluíu o vento, ambos os dous publicados en 2019, chegou este ano un novo libro de Suso Díaz baixo o título de Asulagadas, que cómpre traer para este blog.

O volume, denso volume que conta con máis de cen poemas, é un libro senlleiro -que dalgún xeito dialoga en intencións co seu libro centrado no Couto Mixto- e no que sobrancea a vontade do autor de homenaxear un espazo desaparecido, transformado ou usurpado máis ben, como é o dos lugares que se asolagaron hai agora precisamente tres décadas, por mor da construción do encoro de Lindoso. En efecto, as aldeas de Aceredo, Buscalque, O Vao e Reloeira, entre os termos municipais de Entrimo e Lobios, ficaron engulidas pola auga e neste libro, tras a experiencia de volver a elas por mor dunha seca no ano 2018 e que o autor relata nun prólogo de lectura obrigada, nace un libro honesto e sincero, articulado como unha revisión emocional -e dalgún xeito familiar, tribal e histórica- aos territorios da súa infancia e da súa adolescencia.

Alén desa motivación, isto é, a de nomear e, deste xeito, rescatar lugares asolagados que perviven na memoria, Suso Díaz optou por utilizar variantes lingüísticas propias daquela zona: ese galego promiscuo e fermoso que tamén é, sen dúbida, un elemento que confire frescura e singulariza todos e cada un destes poemas que contribúen a manter viva a memoria comunal dun lugar que xa non é, pero que sen dúbida aínda é na evocación de Suso Díaz que, deste xeito, ponlle a voz a tantas xentes que viron desaparecer modos de vida tradicionais naquel val vizoso do Limia e que, ao desaparecer como tal, provocou unha amputación das raíces e da identidade. Beizón por non deixalo no esquezo.