Tres en raia, de Xosé Manuel Martínez Oca

Xosé Manuel Martínez Oca

Tres en raia

Baía, 266 páxinas, 15,75 €, 2022

É sempre un pracer achegarse a unha das voces máis veteranas da nosa narrativa contemporánea como é a de Martínez Oca e das que gardo un excelente recordo desde os seus primeiros pasos polos galardóns do Modesto F. Figueiredo pasando por libros excelentes como Beiramar ou As florestas do Mañuema até outras pezas máis recentes.

Nesta ocasión recala o autor de novo na editorial Baía para nos ofrecer a novela Tres en raia, título polisémico que nos fai pensar no célebre xogo mais tamén nos tres protagonistas da peza narrativa. Nela, fálasenos, abofé, da amizade como concepto e realidade que une estas tres voces a partir da enfermidade dun deles, Guillerme, motivo que facilita o reencontro con Antonio -que participa brevemente nas loitas antifranquistas e que vive como emigrante con certa fortuna no Canadá- e Gabriel que se cadra é o personaxe máis atormentado pois, logo de alistarse como lexionario no Ifni, experimentará acontecementos que irán marcando a ferro a súa personalidade. Desde aí, nun deseño narrativo no que a evocación das experiencias e os espazos -sobre todo ourensáns, e nomeadamente da cidade de Ourense- se apropia do ritmo narrativo constrúese unha sorte de quebracabezas que a lectora ou o lector vai completando. Nesa dinámica elabórase unha reconstrución das biografías de cadaquén, coas lóxicas e esperadas confluencias, tamén cos hiatos que unha relación de amizade tan longa exhibe, onde apuntaría como focos temáticos principais certo sentimento de culpa que domina -de distintas maneiras- as vidas de cada un deles a carón dunha intensa reflexión sobre o paso do tempo e os afectos e, talvez, unha suxestiva meditación sobre o proceso mistificador da memoria.

Benvida, abofé, esta nova entrega dun autor, insisto, que merece a maior da miña admiración pola súa traxectoria narrativa, longa, diversa e intensa sempre.

Foto do autor: obra de Eduardo Castro Bal (Fototeca da AELG).