Alberto Gende. Encher o baleiro

Fixéronme chegar, hai escasas datas, un fermoso libro titulado Alberto Gende. Encher o baleiro do que se responsabilizan os irmáns do homenaxeado, Juan Félix e Xurxo Chapela, e co que homenaxean a memoria do deseñador hai xa dez anos desaparecido. Libro presentado hai poucas datas na exposición-homenaxe que se celebrou en Carballo.

O libro, de gran formato e editado requintadamente, coidado ata os mínimos detalles, convértese nunha extraodinaria oportunidade para realizar unha cumprida revisión da traxectoria profesional de Alberto Gende a través da reprodución de cadros, fotografías, ecos da súa actividade musical e deseños que, malia constituír estes tan só unha escolla entre a obra do autor, ofrecen por xunto unha visión panorámica e global das angueiras, dos logros profesionais e vitais que dominaron a vida do creador carballés.

Alén de que os beneficios de venda do volume van destinarse á Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro, este incorpora un limiar do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; un texto para non perder de Xurxo Chapela que revela algunhas das claves creativas da súa obra, pictórica ou non, e mais outra proposta analítica na sección “pintura”, a cargo do profesor Juan Manuel Monterroso Montero.

Editado pola Asociación Cultural Lumieira e coa colaboración do Concello de Carballo e da Deputación de A Coruña é, en definitiva, un libro que deixa inequívoco testemuño do brillante, intenso e heteroxéneo percorrido artístico de Alberto Gende. Un libro feito, paréceme, desde as instancias do respecto e, sen dúbida, do amor que inspira a súa evocación mais que, ao tempo, axuda a (re)descubrir e poñer no seu xusto lugar un artista interdisciplinar como foi Alberto Gende. Beizón a quen o ideou e ás persoas que o fixeron posible.