Florencio Delgado Gurriarán. Obra poética, edición e introdución de X. Ramón Pena (serie FDG VII)

Florencio Delgado Gurriarán

Obra poética (edición e introdución de X. Ramón Pena)

Xerais, Vigo, 448 páxinas, 19,95 €, 2020

Resultaba, como é natural, unha esixencia e mesmo unha necesidade poder dispor, nun único volume, dunha edición da obra poética de Florencio Delgado Gurriarán neste ano en que o Día das Letras está centrado na reivindicación da súa obra literaria e mais na difusión do seu perfil biográfico, con especial incidencia -agardo- nas actividades que protagonizou no exilio mexicano. A ambas cuestións responde con rigor esta Obra poética, disposta e anotada coa solvencia necesaria polo profesor Xosé Ramón Pena.

Deste xeito a publicación incorpora, alén dunha completa achega biográfica que rescata os principais acontecementos vitais do autor, unha análise operativa das liñas de sentido que dominan a totalidade da súa obra poética que van desde o que Pena denomina vangarda enxebre e forma inmóbil aos trazos novecentistas, paisaxísticos e costumistas presentes en parte dela, ao que engade a referencia ao cultivo dunha estética que o achega ao ámbito dos poetas dionisíacos e eróticos, alén de reclamar unha atención especial aos poemas de reivindicación social e engadir, finalmente, un suxestivo apartado crítico que desvela os trazos do rexistro lingüístico empregado.

A Obra poética engade, loxicamente, a reprodución dos libros Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas (1981) e O soño do guieiro (1986), fixados cos precisos criterios filolóxicos, ademais de reproducir dezaseis poemas que viron a luz diversas plataformas até agora nunca editados conxuntamente en ningunha publicación.

Velaquí un dos libros, probablemente, máis necesarios para movernos con rigor no ano que andamos.