Fortunato quere ir á lúa, de Carlos López

Carlos López

Fortunato quere ir á lua (ilustracións de Óscar Villán)

Galaxia, Vigo, 28 páxinas, 15,20 €, 2022

Carlos López, un dos editorialistas gráficos de referencia no ámbito da caricatura política e social que, xunto con David Pintor, constitúen ese tándem imprescindible que é Pinto e Chinto, presenta como é ben sabido unha longa traxectoria como autor especializado en literatura infantil, con grandes títulos como Contos para nenos que dormen deseguida ou Minimaladas, nestes dous casos asinados con David Pintor e, en ocasións, con propostas en solitario entre as que evoco aquí os seus Bichería ou Raros e curiosos (2014), sendo esta última a súa primeira incursión na narrativa de adultos que entendo como unha espléndida achega ao amosar unha infrecuente, por pouco transitada, fervenza imaxinativa de mans dadas cun humor modulado, cando se precisaba, en aberta gargallada.

Hai poucas datas incorporaba, así pois, á súa traxectoria un álbum ilustrado baixo o título de Fortunato quere ir á lúa, ilustrado por Óscar Villán, no que volve abrazar ese trazo singular que consiste en gañar a complicidade lectora desde a primeira liña. Un volume que, de novo, un non pode deixar de ler nunca sen ter pintado un sorriso na boca grazas a esta alquimia que Carlos López alimenta coas precisas doses de humor, ironía e imaxinación posibilitando que, de maneira doada, poidamos crer que as cousas máis marabillosas poden ocorrer.

Desde a ironía depositada no nome do protagonista —e lembro aquel marabilloso Fortunato de Trasmundi de Darío X. Cabana— que cobrará un sentido cabal na conclusión argumental, Fortunato persegue un soño explícito (o de chegar á Lúa) que se lle nega por moi imaxinativo que el queira ser. Malia todo, malia os fracasos e contratempos continuos, a perseveranza merece ter un premio inesperado apelando á chegada do fantástico que, aquí ou acolá, pode sorprendernos calquera día.

Este texto publicouse nas páxinas culturais de La Voz de Galicia, o 10 de abril de 2022.