Taracea marroquí. 1935, de Eduardo Blanco-Amor

Eduardo Blanco-Amor

Taracea marroquí. 1935

Galaxia, Vigo, 148 páxinas, 21,50 €, 2022

O legado de Eduardo Blanco-Amor non só está cifrado nas súas propostas narrativas e teatrais en lingua galega, nin nas súas obras en castelán tan ignoradas pola historiografía crítica; tampouco nas súas pezas oratorias conservadas nin sequera nos milleiros de páxinas que ao longo da súa vida redactou e que viron a luz en plataformas xornalísticas de aquén e alén mar, só recollidas hoxe nunha mínima parte. A presenza dunha voz única, guiada sempre pola súa independencia de criterio, expándese e ofrece, aínda hoxe, pequenas alfaias como a que aquí nos ocupa.

Esta é a razón pola que saúdo esta iniciativa que estrea a colección “EB-A. Xornalismo e fotografía” e que concita intereses confluentes da editorial Galaxia, a Fundación Blanco-Amor e a Deputación de Ourense, co obxectivo de perseverar na divulgación doutra obra inédita ou case descoñecida do autor de A esmorga. E ben se confirma esta vontade coa compilación ordenada baixo o título de Taracea marroquí. 1935 que rescata tanto os oito artigos que Blanco-Amor publicou no xornal El Pueblo Gallego entre agosto e decembro de 1935 como as vinte e seis  fotografías que realizou na súa viaxe ás cidades do norte de África naquel tempo. Título acaído que evoca esa técnica que revestía mobles, paredes ou outros obxectos artísticos: un labor artesanal de incrustación milimétrico para o que o autor emprega, claro é, a palabra.

É ben probable, asemade, que calquera persoa que se achegase a esta publicación non fose quen de aprehender todas as dimensións que estes artigos e fotografías encerran de non prologarse polo ensaísta Xosé Enrique Acuña -responsable tamén da edición dos textos e das fotografías- que ofrece un completo e documentado traballo no que integra abondosas referencias que apuntan ao proceso de xestación dos artigos, os seus contidos, as consecuencias e a función que cumpriron no seu tempo. Páxinas redactadas coa mesma brillantez coa que escintila esta prosa rescatada oitenta e seis anos despois.

Sen dúbida, esta publicación blanco-amoriana non responde ao concepto de serendipia e así o confirma nunhas páxinas limiares Luís González Tosar: é un proxecto ben matinado e o resultado, espléndido, está ben á vista.

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem” o 16 de abril de 2022.