Despois do diario de Anne Frank, de Bas von Benda-Beckmann

Bas von Benda-Beckmann

Despois do diario de Anne Frank (tradución de María Alonso Seisdedos e Antón Vialle)

Faktoría K de Libros, Pontevedra, 448 páxinas, 20 €

En 2004 Faktoría K abordou a publicación do Diario de Ana Frank: libro reeditado en varias ocasións o que testemuña o interese que suscita ao longo dos anos este clásico. Resultaba natural, así pois, que o mesmo selo se responsabilizase da publicación dun volume que pescuda, coas ferramentas analíticas que proporciona tanto a historia oral como as fontes indirectas, no que ocorreu coas oito persoas agochadas na célebre Casa de atrás inmortalizadas no devandito libro. Desta maneira, o investigador neerlandés Bas von Benda-Beckmann dá conta do destino de todas elas, incluída a propia Anne Frank, e chega á nosa lingua grazas ao excelente traballo de tradución realizado a cargo de Antón Vialle e María Alonso Seisdedos.

É este un volume, así pois, que reconstrúe as experiencias daquelas oito persoas tras o seu arresto: agás o pai de Anne, Otto Frank, que conseguiu sobrevivir, un foi gaseado e o resto abandonáronse á súa sorte con graves doenzas, o que vén ser o mesmo. Asemade, deséñase unha visión panorámica das claves da política xenocida practicada polo nazismo e posibilita realizar un percorrido de dimensión colectiva que revela as dinámicas que deron forma á chamada die endlösung , isto é, a solución final. Velaquí unha revisión desta ignominia histórica que se traduciu na existencia dos campos de exterminio ou de concentración que van de Westerbork a Auschwitz, de Bergen-Belsen a Neuengamme, de Mauthausen a Ragunh. Territorios do horror, singularizados con trazos diferentes que foron destino tamén de persoas que lograron sobrevivir e ás que se acudiu para reclamar os seus valiosos testemuños orais sobre aquela experiencia. Non se esquece tampouco, por exemplo, reflectir tanto a relevancia centrada na vontade de resistir dos prisioneiros ou a existencia dos muselmann: aquelas persoas xa vencidas, exhaustas e derrotadas.

A edición enriquécese cun extenso corpo de notas e conta cun estimable corpus fotográfico e documental, en ocasións verdadeiramente estremecedor. Un libro comprometido coa causa da memoria e que, como se sinala no seu colofón, repara no Holocausto e nas súas vítimas pero non só desde a perspectiva da Historia pois asume a  relevancia que ten desde o punto de vista moral e humano.

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas, La Voz de Galicia, o 22 de abril de 2022.