Soamente unha vez, de José Mondelo

José Mondelo

Soamente unha vez

Xerais, Vigo, 336 páxinas, 19 €

José Mondelo presenta un percorrido bibliográfico infrecuente. Estreárase na década dos anos oitenta do pasado século con tres libros, hoxe probablemente inatopables e asinados como J.A.M., entre os que lembro con moito agrado o título Un pequeno favor e outras historias de humor perverso, fundamentalmente polo tratamento humorístico tan inusual que exhibía, algo tan pouco transitado daquela como agora. A finais da primeira década de século tamén deu a coñecer unha proposta xuvenil en Baía (O informe do empregado Mendes) e retorna agora cunha novela policial singular baixo o título de Soamente unha vez: unha proposta policial, en efecto, mais que dalgún xeito pretende subverter as normas do xénero pois alén de nos conducir polo proceso que leva á resolución dun caso de asasinato hai, ao mesmo tempo, un exercicio de reconstrución biográfica referida ao atípico inspector Paiana, respecto do que se evoca a súa infancia mais tamén, e con moita atención, as súas experiencias profesionais vinculadas cos servizos de intelixencia destinados a combater o terrorismo en Francia. Velaí como se vai revelando a súa personalidade a través dos diálogos que mantén cun coro de personaxes, moito menos configurados que o protagonista, e por veces da man dalgúns soliloquios.

Dun ou doutro xeito recréase así visión do mundo que abraza e defende; aquela que abala entre o escéptico e o retranqueiro, entre cultivo dun aquel de cinismo e de certo machismo. Aínda así hai igualmente espazo para se recrear en diversas consideracións, pouco transitadas ou canónicas no xénero, que pivotan entre as dinámicas desmitificadoras do traballo policial e os clixés que, de maneira inconsciente, se sempre se asocian a aquel.

A enxeñosa resolución do caso -talvez entre o máis salientable da proposta por imprevisible e inesperada-, alén dun rexistro lingüístico excelente e un ritmo narrativo áxil, fóra do devandita vontade de afastarse de certos tópicos do xénero -tantas veces transmitidos polo cinema, ao que se alude con recorrencia nesta novela- son factores que cómpre situalos, non teño dúbida, no haber desta novela policial diferente.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, o 6 de maio de 2022.