A cegadora luz de dúas estrelas vermellas, de Davide Morosinotto

Davide Morosinotto

A cegadora luz de dúas estrelas vermellas (tradución de Moisés Barcia)

Sushi Books, Cangas do Morrazo, 432 páxinas, 19,90 €

Davide Morosinotto estaba xa vertido ao galego cun libro –O famoso catálogo Walker & Dawn– editado no ano 2020 por Sushi Books- que particularmente non tivera a oportunidade de ler. Achegueime nas últimas datas, talvez atraído pola rechamante cuberta, a estoutro volume, igualmente traducido por Moisés Barcia, que nos achega unha moi interesante e suxestiva proposta para unha franxa de lectorado xuvenil mais, ao meu xuízo, non só.

Morosinotto é quen de idear un argumento verdadeiramente apaixonante nucleado por volta das vivencias, contadas en primeira persoa, de dous xemelgos -Víktor e Nadia- que son obrigados a saír de Leningrado, a súa cidade natal, con apenas doce anos, diante do previsible ataque e cerco que as tropas hitlerianas someterán á cidade no seu avance cara a Moscova. Articulado a xeito de diario -en primeiro lugar compartido polos dous irmáns e logo presentado individualmente mercé uns cadernos que o pai deles conseguira darlles case como derradeiro legado- cóntasenos a obrigada fuxida de ambos os dous en tren cara a destinos incertos que se bifurcarán, feito que actúa como motivo central da historia pois na vontade dos xemelgos estará sempre volver xuntarse. Non faltan elementos de filiación aventureira, que conviven con outros, claro é, como son o amor ou as consecuencias dos conflitos bélicos nun pano de fondo histórico, alén dun fío argumental que revela as consecuencias de actos entendidos como de alta traizón para o réxime soviético en tempos de guerra. Asuntos, todos eles e ao meu xuízo, contidos en pasaxes moi ben documentadas e inspiradas nas peripecias, algunhas probablemente reais e outras resultado da fabulación do autor, que cada un dos irmáns protagoniza, onde o perfil de Víktor estará sempre dominado pola asunción do ideal comunista e da solidariedade cos demais e o de Nadia marcado, igualmente, pola resistencia e a afouteza.

Por se non abondase aparece unha terceira voz, un verdadeiro achado, que é a do Coronoel Smirnoz, a quen lle legaron todos os cadernos desde o chamado Comisariado do Pobo para Asuntos Internos, que analizará politicamente con apuntamentos realizados á marxe, na procura de ditar unha sentenza aos dous protagonistas por mor das responsabilidades que, na súa aventura, puidesen incorrer.

Extraordinario é, tamén cómpre afirmalo, o traballo de edición levado a cabo neste libro, publicado a varias tintas para recoñecer facilmente a voz de Víktor e Nadia e que se acompaña, como se dixo cos apuntamentos manuscritos que sobre os cadernos realiza o devandito Coronel Smirnov, ademais de incluír fotografías, mapas e outros documentos incorporados aos cadernos.

Un verdadeiro pracer achegarse a libros tan ben editados coma este e que, ademais, recrean argumentos suxestivos narrados con efectividade.