En Fornelos, na entrega do V premio de xornalismo Lueiro Rey a Ismael Ramos

Celebrouse hoxe, en Fornelos, a entrega do V Premio de Xornalismo Lueiro Rey, que recaeu no artigo “Mentres tanto dáme a man” do profesor e escritor Ismael Ramos. Requiríronme para participar no acto como membro do xurado que o galardoou, cousa que fixen gustosamente.

Volver a Fornelos é sempre un pracer e moito máis cando cómpre saudar e darlle a benvida á Causa Lueiro a unha voz como é a de Ismael Ramos que queda xa incorporada, por dereito propio, á historia deste premio de xornalismo en lingua galega.

Deixo abaixo o discurso que lin para as persoas que lles interese saber o que alí dixen sobre Lueiro, sobre as iniciativas feitas e as que cumpriría facer sobre a súa figura e, loxicamente, sobre Ismael Ramos e o seu artigo. Beizón ás persoas que organizan o acto, nomeadamente a Carmen Carreiro, aos membros do xurado -Ramón Rozas e Carme Vidal-, ás persoas que asistiron -coma sempre varios membros da familia Lueiro- e ás institucións que o fan posible: Concello de Fornelos, representado polo seu alcalde Emiliano Lage, e mais a Deputación de Pontevedra, representada pola deputada de Lingua e Memoria María Ortega. Grazas tamén á estupenda música do grupo Breocáns e ao detalle artístico de “cavalinho do demo”.

Estamos aquí convocados pola memoria, un ano máis, de Lueiro Rey. Celebramos, festexamos, estarmos xuntos nesta causa polo que cómpre, en primeiro lugar, dar as grazas as persoas que o fan posible e, en primeiro lugar, permitiranme que faga unha referencia destacada ao labor que desenvolve, sempre, Carmen Carreiro desde hai ben de anos: alma máter de tantos acontecementos, forza motriz que posibilita poñer a Lueiro e a Fornelos no centro do mundo, e agora este é o centro do mundo. Grazas, Carmen, por tanto traballo, por tanto esforzo e por resultar sempre moi fácil traballar ao teu lado.

Mais este premio chega a materializarse porque tamén hai persoas que fan posible que isto exista, alén de Carme Vidal e de Ramón Rozas, caros xurados do galardón do xornalismo Lueiro Rey, con quen sempre atopamos, de maneira natural e espontánea, puntos de encontro e de consenso nos debates. Grazas polo voso traballo.

Pero falaba de institucións e entre elas quero salientar o apoio de Emiliano Lage, e do concello de Fornelos que preside, polo seu sincero alento e, asemade, á Deputación de Pontevedra, que colabora sempre lealmente neste proxecto cultural. Grazas, abofé, e grazas asemade ás plataformas xornalísticas que se comprometen coa divulgación do artigo gañador en cada convocatoria.

E neste capítulo dos agradecementos quero, unha vez máis, non deixar no esquecemento o compromiso da familia de Lueiro. Dixen, máis dunha vez, que actitudes como as vosas, de perpetuo alento e agarimo coma demostrades sempre en todo aquilo que se relacione coa promoción de Lueiro, son modélicas e que sen vós nada sería igual. Grazas, sempre.

Porén, antes de falarmos da incorporación á causa Lueiro dunha nova voz como é a de Ismael Ramos, gustaríame dedicarlle unhas palabras á figura de Lueiro e facelo desde unha perspectiva que, particularmente, nunca adoptei mais hoxe, teño para min, xa é moito hora de afirmalo. Para iso permitirédesme que recorra á evocación dun libro relevante, titulado Manuel Lueiro Rey. Camiño aberto. 100  anos do nacemento de Lueiro Rey 1916-2016, como dalgún xeito tamén o  foi un libro anterior titulado MLR. A liberdade ferida, que viu a luz en Xerais. Na bibliografía de textos sobre Lueiro teño para min que o libro ao que aludín marcou un antes e un despois na medida que a súa concepción foi a de conmemorar o centenario do seu nacemento, si,  pero foi algo máis porque aí se recollen un monllo de textos interesantes que actualizan, herborizan e analizan a súa polivalente fasquía literaria, biográfica e política.

          Revisei este libro para preparar estas palabras e revisei -aínda que mentalmente moitas delas- tantas e tantas iniciativas levadas a cabo, por exemplo, neste Concello- por tantas e tantas persoas desde que o cemiterio do Grove acolleu os restos de Lueiro en 1990. Porque o labor de promoción, divulgación e proxección do herdo literario e humano que Lueiro deixou comezou, xustamente, cando nos deixou fisicamente e, en primeiro lugar, grazas ao esforzo de Maruxa Lores, a súa compañeira de vida, que tanto empeño puxo en que saíran adiante proxectos nos que Lueiro traballaba e que tanto e tan ben porfiou en preservar o seu legado. Maruxa, a carón da súa filla e fillos, desenvolveron un labor sempre entregado á preservación e proxección da figura de Manuel Lueiro absolutamente exemplar.

          Coido que non desaxusto a miña perspectiva, malia estar desde sempre militando nesta causa Lueiro que me descubriu nos anos noventa o meu querido profesor Xesús Alonso Montero, se afirmo que hai poucas voces, no sistema literario galego, polas causas que fosen, suscitaron tal atención crítica en forma de reedicións, publicacións de libros inéditos -poéticos, narrativos e xornalísticos-, exposicións, ciclos de conferencias, edicións críticas e anotadas e homenaxes de toda orde,  alén desas festas das letras galegas que simbolizan tanto ao premio de novela curta organizado polo Concello do Grove coma o premio de poesía e mais este de xornalismo que hoxe entregamos organizados, estes dous últimos, polo Concello de Fornelos de Montes. Tres galardóns, ao meu ver, asentados solidamente, que son bo exemplo de que a súa memoria segue sempre entre nós. Non hai, se me permitides, tres premios literarios Castelao, nin Rosalía, nin Otero Pedrayo, nin Losada Diéguez nin Eduardo Blanco-Amor. O feito de que sexan organizados, ao meu ver, por corporacións municipais como as que sinalei din moito e ben delas, polo apoio desinteresado e esforzado a prol da cultura galega e da nosa literatura e xornalismo de hoxe.

          Dito todo o anterior, e vou ao gran, desde que con maior ou menor fortuna na década dos anos noventa comecei a asomarme a este universo plural que simboliza a figura literaria de Lueiro Rey, e conforme van pasando os anos, hai un interrogante que moitas persoas coma min se formularían nun ou noutro momento e que cifro nunha afirmación clara e rotunda: como é posible que a figura de Lueiro Rey non protagonizara, aínda, un Día das Letras Galegas?

          Sempre fun remiso a expor publicamente o meu punto de vista sobre a devandita pregunta por mor dos supostos equívocos que unha afirmación así, pola miña parte, podería xerar. Con todo, realmente, tamén vos confeso que hoxe non é algo que me preocupe.  Coido que tras trinta e dous anos que nos distancian desde o falecemento de Lueiro e vinte e dous desde que a súa candidatura podería ser unha realidade, esta debía de converterse nunha sorte de martelo mecánico, constante, diante das portas da Academia que é a institución que debe tomar a decisión. Atrévome, talvez, a facelo público, na medida de que agora formo parte, modestamente, da institución que debe tomar a decisión e antes, como agora, creo que é evidente o meu total compromiso para acadar este obxectivo.

          E digo aínda un pouco máis para ir concluíndo con este asunto que quería, moi conscientemente, deixalo aquí, en Fornelos, explícito. Sei que se deron pasos, hai algún tempo, para presentar a candidatura diante dalgún numerario da institución e que non houbo sorte. Creo que hai que partir deses pasos dados e avanzar en propostas que irmanden, sobre todo, esforzos particulares e institucionais onde o concello de Fornelos e o concello do Grove deben gozar dunha especial relevancia asumindo que é difícil, claro que o é, pero non unha utopía imposible de acadar.

          Lueiro abraza, neste sentido, factores moi proclives ao meu ver, para protagonizar con garantías esa candidatura e gozar de certas posibilidades. Entre elas, están os seus inequívocos valores literarios entre os que saliento unha voz que, nun determinado momento, se decata da importancia que ten para el un cambio de rexistro lingüístico do que se deriva a construción dunha obra poética sólida, marcada polo compromiso e a lealdade a uns principios solidarios dos que nunca abdicou. Pero non todo queda reducido a Un tempo de sol a sol, nin á Escolma ferida, nin á Nova escolma ferida, nin sequera á Derradeira escolma ferida. Hai dous clásicos da narrativa galega da súa autoría como Non debían medrar ou O sol na crista do galo. Temos un Lueiro autor dunha obra en castelán igualmente relevante contida en Nacencia, Manso, Vicente y el otro, Hundezelle y otras vidas maltratadas ou Un río que camina. Dispón dunha obra poética en castelán relevante ma que saliento La noche espera el alba (Botella al mar, 1971), Vigo en tres paisajes (Vigo, 1990), Memoria de la raíz de las cosas (Ediciós do Castro, 1992) ou o título Mientras crece la hierba (1997). Temos un Lueiro colaborador en innumerables medios xornalísticas e do que só dispomos, apenas como a punta dun iceberg, en forma de libros independentes, as Crónicas de una transición intransigente, as Novas crónicas dunha transición intransixente ou esa peza, tan querida por min, que é O Grove, canción do sal e do vento.

          Mais alén do estritamente literario, razón de peso para o asunto que hoxe me ocupa, como non render un recoñecemento dunha maior dimensión, que descubra ou redescubra para tantas persoas alguén que, non é o noso caso, poida resultar descoñecido? Como non valorar a verdadeira epopea que sufriu nos primeiros días do golpe militar do 36 para salvar a vida? Como non valorar o seu posicionamento ético e estético antifascista e comprometido coa liberdade do ser humano e facelo desde a perspectiva dun tempo como o actual, rodeados de involución, en que, precisamente esta actitude debe ser cifrada na súa xusta medida por se realizar en tempos duros e difíciles? Como non dimensionar o que atopou no exilio galego bonaerense, nomeadamente co lembrado Paco Lores, con Lorenzo Varela, Arturo Cuadro, Luís Seoane e tantos outros? Como non calibrar o seu activismo político, na clandestinidade e mais na reforma política, onde inclúo esa transición intransixente en afortunada expresión súa, sempre na esquerda, sempre no comunismo, até os seus días finais? Como non valorar, en fin, ese pouso de ser humano comprometido que aínda pervive na memoria dos que o coñeceron e, se non, dos que chegamos a el grazas aos seus libros, ao seu legado? E mesmo, para finalizar, como non pensar nesa posibilidade que ofrece a súa biografía e que permitiría homenaxealo en Fornelos, en Pontevedra, no Grove e en Buenos Aires se se me apura…? Veño de asistir, e con isto conclúo esta parte, aos actos que Academia organizou en Córgomo, San Martín de Valdeorras, berce de Florencio Delgado Gurriarán, onde o fervor e a complicidade das persoas dese lugar, con apenas 200 veciños, foi unha festa literaria e popular e, ao que oín, deixou a membros da RAG con ganas de repetir experiencias coma a que alí se viviron, isto é, con ganas de procurar territorios onde o recoñecemento literario aúne a dimensión cultural coa popular. E aquí moi ben se podía dar. Dito isto, tamén quero engadir que á marxe do que poida ocorrer nun futuro, máis próximo ou máis afastado, as persoas que formamos parte desta Causa Lueiro, que non temos carné de ningún tipo, que conformamos un grupo heteroxéneo e plural unidos pola vontade de seguir traballando sempre, somos bastante inasequibles ao desalento polo que porfiaremos, sempre, no cultivo con amor e devoción á figura e á obra de Lueiro.

Dito isto, cómpre xa falar da razón, importante razón, que nos xunta aquí hoxe e supón darlle a benvida ao profesor e poeta Ismael Ramos que resultou gañador da V edición do Premio de Xornalismo Lueiro Rey co seu artigo “Mentres tanto dáme a man”.

Souben de Ismael Ramos na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela onde acudín como membro dimisionario dunha sección de Crítica da AELG para confundar a Asociación Galega da Crítica en febreiro de 2015 se non estou errado. Antes de iniciarse a asemblea, na cafetaría do centro, alguén que me acompañaba saudouno e como a curiosidade me pode ás veces preguntei quen se trataba e dixéronme : “Chámase Ismael Ramos, é estudante e escribe. Ten un gran futuro”. E así foi, así é.

Desde aquela souben de Ismael a través dos seus libros como Os fillos da fame, Lumes e mesmo Lixeiro, que lin igualmente con interese aínda que deste último non puiden escribir sobre el porque o tempo é limitado e un, agora, xa le máis que escribe recensións. Alén disto gocei dunha relación moi cordial con Ismael, hai dous ou tres anos, durante o período no que el traballaba na editorial Galaxia e eu asesoraba os contidos das Feiras do Libro de Galicia. E desde aí chegamos a este “Mentres tanto dáme a man” que o autor decidiu enviar ao concurso que ditaminou ao seu favor. E non confeso nada que non poida dicir publicamente se comparto que o xurado, Carme Vidal, Ramón Rozas, Carmen Carreiro -que sempre participa coas súas opinións e todos agradecemos que así o faga- e mais eu, estabamos predispostos a galardoar este artigo. Parecíanos a todos que este era un artigo que emocionaba, que tiña alma como elemento máis diferencial e que constituíu un factor de peso para que nos decantaramos por este texto. Ademais era doado presupor que o artigo procedía de alguén que se manexaba con soltura no ámbito da escrita por moitas razóns entre elas a meditada e coidada estrutura circular; tamén polo ritmo interno que o cruzaba, desde a primeira liña até a última, na que ecoaban certos trazos poéticos e que proviña de alguén, ademais, que reparaba e exploraba, nun exercicio xornalístico, e con acerto, nunha dimensión temática de contido social que, ao que eu recorde, non fora aínda premiada como é a involución homofóbica que está a medrar exponencialmente na nosa sociedade e máis concretamente na violencia que se exerce contra o colectivo LGTB: eses chamados delitos de odio que beben na fonte de ideoloxías involucionistas para o que emprega o autor, ademais, un recurso moi rendible e operativo como é o da figura da nai polo que é doado colixir, así,  como o problema, como a realidade que reflicte Ismael, non afecta só e unicamente ás persoas que sofren este odio senón tamén á totalidade da sociedade.

          Ao abrirmos a plica e confirmar que o responsable do artigo era Ismael Ramos lembramos a serie de artigos que publica, desde agosto de 2021, para o xornal en liña eldiario.es no que ten abordado, aínda que non só, reflexións sobre este mesmo teor. Propostas marcadas, en liñas xerais, polo desenvolvemento que deixa o pouso experimental e vivencial. Ismael, por tanto, súmase con brillantez a esta nómina conformada por voces como as de Xoán Carlos Domínguez Alberte, Montse Fajardo, Mario Regueira e Paula Castro e creo que o xurado e todas as persoas que aquí estamos nos alegramos, e moito,  de que así sexa.

          Conclúo xa. Ismael contestou por volta de 2016  a un enredo que mantiña no meu blog, e que xa abandonei, e que consistía na solicitude das respostas do cuestionario Proust un tanto modificado a un grupo amplo de voces coa intención de dar, se era posible, unha imaxe máis persoal daquelas. Entre aquelas respostas houbo dúas que creo que encaixan á perfección, pasados algúns anos, coa valoración que podemos ofrecer da súa obra poética mais tamén da súa obra xornalística, que hoxe aquí premiamos. Á pregunta de  “Que don natural lle gustaría ter?” respondeu queSer sempre honesto comigo e cos demais. Tamén escribindo” e abofé que este artigo confirma esa honestidade do autor, quen o dubida, reflectida tamén na escrita. Tamén á pregunta de se había algún lema na súa vida, confesou que non mais engadiu “Ás veces apunto cousas, citas. Hai tempo anotei dun libro de Fleur Jaeggy: “La resistenza è il frutto della disciplina”, aínda lle estou dando voltas”. Gustoume moito, daquela e hoxe, esa cita da escritora suíza en lingua italiana, e gustoume tamén o que suxería: “a resistencia é o froito da disciplina”. A cita acae, talvez, ao espírito deste artigo que hoxe galardoamos.

Parabéns, Ismael, benvido á causa Lueiro; benvido á túa casa.