Gustave Flaubert
A educación sentimental (tradución de Isabel Soto)
Hugin e Munin, Santiago, 540 páxinas, 21 €, 2022
Afirmar algo novo sobre este libro supón unha utopía porque este é un clásico contemporáneo e inmarcescible. Flaubert reflicte nel a súa xeración, cunha ollada satírica ás veces e, ao tempo, fusiona realismo e historicismo, readapta a novela de aprendizaxe e introduce novidades compositivas extraordinarias se pensamos que se publicou orixinalmente no 1869. Ler a Flaubert nesta espléndida tradución a cargo de Isabel Soto, responsable do corpus de notas tan minucioso como é o estilo do autor, é un verdadeiro galano. Non o perdan.
***************************************
Nota: recomendo, malia que o propio corpus de notas incorporado na tradución desvela moitas das claves literarias, sociolóxicas e históricas da novela, estes tres apuntamentos que a tradutora, Isabel Soto, publica na páxina web da editorial como material complementario. Velaquín uns apuntamentos de grande utilidade sobre a xénese da obra e o marco temporal, un útil e completo quen é quen na novela e, finalmente, unha serie de valoracións críticas que suscitou a novela.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 3 de xuño de 2022.