O negociador, de Miguel Sande

Miguel Sande

O negociador

Xerais, Vigo, 152 páxinas, 16,95 €, 2022

É ben posible que esta novela non podería ser escrita tal e como se escribiu, nin concibida tan e como se concibiu, se non viñese da man dun xornalista e narrador como é Miguel Sande, que exhibe aquí, ao meu ver, o mellor da súa traxectoria.

O negociador, que foi finalista do premio Xerais de novela na súa última convocatoria, achégase a un acontecemento que moitas persoas lembramos como foi o secuestro máis longo cometido por ETA hai por volta de vinte e cinco anos. Desde este punto inicial, a tensión que envolve as negociacións que se producen nun hotel de Alxer van ser relatadas grazas a un testemuño que é,  xustamente, o que se corresponde á persoa que a quen o Estado Español designou para negociar e conseguir a liberación do funcionario de prisións secuestrado. Velaí, así pois, o pano de fondo que vai máis alá das tensións políticas do momento porque tamén se repara en todos os condicionantes particulares que nese momento afectan ao negociador e á filosofía de actuación e ás situacións emocionais que viven as persoas que interveñen desde a organización terrorista. Todas as decisións, todo o que aconteceu naqueles días gozará grazas a unha acaída estrutura cuadripartita, dunha proxección que vai máis alá das consecuencias políticas e das vivencias daquel tempo convulso de maneira que se estenden da man de personaxes que, relacionados dun ou doutro xeito con aquela experiencia, van radicarse en espazos como Londres, México, unha residencia de anciáns golpeada pola COVID-19 ou unha denominada “caixa escura”, isto, é, un espazo ao que por propia vontade alguén se introduce para ter relacións sexuais con persoas descoñecidas.

            Sande, ao meu ver, exhibe aquí un estilo propio que, talvez máis que nunca, o identifica. O seu é un pulso narrativo rotundo, plural e sen concesións, no que hai un xogo de voces distinto en cada bloque que vai do  testemuñal, estilizado e directo ao poético e incluso ao parateatral para, en ocasións, optar por certo distanciamento e, noutros casos, abeirarse a certo experimentalismo, case na xinea dun Camilo Gonsar, sempre á busca de transmitir emocións por debaixo do que se conta. Algo que, abofé, se consegue con esta ollada poliédrica que tan ben caracteriza esta novela.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 10 de xuño de 2022.