Negras, de Daniel Asorey

Daniel Asorey

Negras

Xerais, Vigo, 80 páxinas, 12,95 €, 2022

Coido que foi Transmatria o último libro ao que accedín de Daniel Asorey, sendo coñecedor de que polo medio o autor conseguiu con Contra natura o Premio González Garcés do ano 2020. Estes últimos días acompañoume a lectura de Negras: un libro que, como me ocorre adoito coa voz de Asorey, non defrauda.

O libro articúlase como un canto, unha reivindicación máis ben, erixida desde a insubordinación, contra o estado das cousas. Negras condúcenos polos eidos das violencias impunes, da tiranía e do colonialismo, de todo tipo de tiranías e colonialismos desde as que dirixen a nosa ollada cara ás identidades de carácter non heteronormativo ata aqueloutras que se enfocan, mesmo, á valoración e percepción social e identitaria de linguas coma a nosa. Hai unha viaxe case cuántica neste libro que nos traslada desde espazos xeográficos afastados -nunca nese imaxinario que irmanda as vivencias desde os que sofren a historia- a outros máis próximos para amosarnos que contra os agravios está, sempre, a rebelión e o inconformismo.

Asorey é, non o dubido, unhas das voces máis solidamente instaladas nese camiño que entende a poesía como esa precisa apelación ás conciencias, que tan necesaria foi e aínda é pois o silencio é tamén complicidade.