A luz co tempo dentro, de Xesús Rábade Paredes

Xesús Rábade Paredes

A luz co tempo dentro

Galaxia, Vigo, 148 páxinas, 15 €, 2022

Rábade Paredes é unha voz que coida a dimensión semántica da palabra e a súa xusta e equilibrada disposición. Tamén o fai aquí para remexer no remol dos días vividos. Velaquí unha oportunidade que desvela aspectos particulares como as orixes e a contorna familiar, a formación escolar e universitaria, as ocupacións profesionais ou o universo xeracional ao que pertence, alén de ofrecer valiosas claves sobre a súa propia creación. Mais non só pois tamén reflexiona desde unha postura crítica, intelixentemente crítica, sobre os agravios que, onte e hoxe, sofre o noso idioma.