Fisterra. Relato curto en Galicia

VV.AA.

Fisterra. Relato curto en Galicia

Linteo, Ourense, 472 páxinas, 22 €, 2022

Circulaba, desde hai algún tempo, a noticia da inmediata publicación dunha ampla e plural antoloxía do relato curto contemporáneo entre nós e, en efecto, esta materializouse hai un par de semanas. Trátase de Fisterra.  Relato curto en Galicia, que aparece editada no selo Linteo e que foi animada pola entidade cultural Amigos do libro galego/Artes e letras da que forma parte o escritor ourensán Xosé Manuel del Caño, verdadeira alma máter deste proxecto que conta, ademais cunha lámina creada especificamente para o proxecto por Acisclo Manzano.

            Son diversas as escolmas de relato curto, en ocasións estruturadas por criterios temáticos ou xeracionais, que podemos atopar nas nosas librarías na actualidade mais ningunha, ao meu ver, coa ambición e extensión que encerra esta Fisterra. Nela conviven voces -un total de corenta, con propostas rigorosamente inéditas- pertencentes a moi diferentes xeracións literarias que gozan aquí dun infrecuente punto de encontro: velaí desde un texto de X.L. Méndez Ferrín e probablemente un dos derradeiros de Darío X. Cabana ata, talvez, o que subscribe a voz máis nova que como é o da escritora Andrea Maceiras. Ao tempo, intégranse tamén relatos de voces máis coñecidas por transitaren, ata o de agora, por outros xéneros.

            Desde a instancia plural que se corresponde a unha autoría heteroxénea son variadas as temáticas,  perspectivas narrativas e fórmulas compositivas que aquí se poderán atopar. Non é menor, xaora, o interese que repousa nese abano vizoso como tampouco o é a posibilidade de realizar lecturas comparadas -os devanditos textos de Ferrín ou de Cabana creo que son un bo exemplo- que dialogan con outras pezas anteriores. Dun ou doutro xeito, e tal e como subliña M. Forcadela,  responsable do limiar, son dúas as tendencias de carácter novidoso que, nunha ollada global, se poden atopar, a carón doutras tendencias recoñecibles, como son a narrativa de filiación feminista e o relato negro ou policial.

            O proxecto gozará de continuidade nos primeiros meses do ano vindeiro con relatos de Manuel Rivas e Domingo Villar entre moitos outros, con máis da metade de participación feminina e cunha lámina ad hoc para este libro a cargo de Manuel Buciños. Devecemos xa por ese novo volume.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem“, de La Voz de Galicia, o 24 de xuño de 2022.