Palabras de pedra, de Ginés Cruz

Ginés Cruz

Palabras de pedra (tradución de Fe González)

Hércules de Ediciones, A Coruña, 180 páxinas, 17 €, 2022

Non é esta a primeira novela, ou exercicio narrativo, que abraza un argumento vinculado coas persoas que presentan un Trastorno do Espectro Autista (TEA) e lembro agora, por só traer un caso, A nena do vestido de flores, de Manuel Fontemoura publicada por Aira.

Este Palabras de pedra do escritor murciano Ginés Cruz, que foi galardoada co premio Asubío 2021 organizado pola Fundación María José Jove, chega en tradución á lingua galega e, ao meu ver, achégase ao devandito asunto con honestidade, transparencia e indubidable efectividade narrativa.

Velaí como a novela recrea as vivencias dunha persoa que, con autismo de alto rendemento, toma a decisión de organizar unha viaxe. E non é esta unha viaxe calquera -aínda que o motivo se se quere de filiación clásica, isto é, a viaxe como autocoñecemento, planee en toda a obra- pois na realidade o que latexa no fondo é o devezo por cumprir un soño, isto é, ofrecerlle esa experiencia ao seu fillo Guille, que presenta un autismo máis severo.

O argumento, así pois, relata polo miúdo e en primeira persoa o esforzo que supón todo o proceso de toma de decisións, todas as dúbidas e incertezas que se derivan do que pode semellar para o pai unha utopía pero que ao final se converte nunha realidade debido á súa constancia e teimosía. Alén deste fío argumental, que supón o espiñazo da novela e que flúe con axilidade e que mesmo non está exento de humor, non son menores os que apuntan tanto á perspectiva histórica e biográfica do protagonista como á que se achega a transmitirnos como é ollar o mundo desde outra mirada.

Palabras de pedra é, asemade, unha novela que se achega á dimensión emocional do desafío formulado polo protagonista sen caer, ao meu ver, en tópicos nin sentimentalismos e que posibilita articular unha ollada cara a adentro e cara a fóra do que supón a TEA. Tamén é un libro para aprender -non dubido que ese é un dos seus inequívocos valores- e revelarnos que todo o mundo poder ter soños e que unha obriga das persoas neurotípicas é ampliar o noso horizonte de miras e traballar pola inclusión, desde o respecto e a comprensión.

Parabéns ao autor polo seu traballo e polas portas que, desde a ficción, contribúe a abrir.