Ainda invisíveis?, de Lorena López López

Lorena López López

Aínda invisíveis? Narradoras e margens na literatura galega contemporánea

Através Editora, Compostela, 208 páxinas, 16 €, 2022

Lorena López, que asinou no seu día como Lorena Souto os libros de poesía Fase de trema (Prémio Xosemaría Pérez Parallé, 2011) e mais Coleópteros (Premio Leiras Pulpeiro, 2017), publica o seu primeiro ensaio en forma de libro independente baixo o título Ainda invisíveis. Narradoras e margens na literatura galega contemporánea e teño para min que esta é, polo de agora, unhas das achegas máis salientables que, no campo da investigación lliteraria, se publicaron entre nós nos últimos meses: un libro, así pois, ao que debería prestárselle a necesaria atención e que talvez ben podería articularse como un paso firme que abrise as portas para o debate, algo que sempre resulta necesario e vivificador.

En que consiste este libro, prologado con acerto pola profesora Helena González? En síntese deluva, man a man cun aparato crítico sólido e moi suxestivo, a escrita de catro escritoras actuais revelando o que denomina “puntos cegos” no proceso de recepción da súa obra; algo que, por extensión, contribuíu á súa invisibilización, isto é, mergúllase nas propostas dunhas voces cuxa obra quedou en zonas de sombra e afonda nas razóns que o poden explicar. Velaí a análise de parte da produción de Margarita Ledo Andión, Patricia A. Janeiro, Cris Pavón e Teresa Moure Pereiro que, en catro capítulos, se asedia con pertinencia.

Unidas estas catro voces por deitaren unha inequívoca ollada feminista na súas obras, o libro de Lorena López achégase, así, no caso de Ledo Andión ás razóns que significaron boa parte da súa obra como críptica esquecendo, ou ignorando, o modelo orixinal, renovador e vangardista en moitas dimensións que adopta na súa escrita, o seu contradiscurso dalgún xeito, fundamentalmente analizado en Violeta ou Trasalba e o militar morto ou en Porta Blindada; no que se refire a Patricia A. Janeiro e Cris Pavón adéntrase nas causas que conduciron a ensombrecer as súas propostas narrativas sobre a violencia armada e o a ciencia ficción e a literatura gótica, nomeadamente a través do estudo tanto de A perspectiva desde a Porta como de Limiar de conciencia e Sangue 12, respectivamente e, por último, no que atinxe a Teresa Moure, repárase en como afectou á súa obra e á súa recepción a decisión de optar polo reintegracionismo.

Talvez no parágrafo anterior reine unha visión simplista do traballo da ensaísta pois nel asoman moitos outros matices, moitos felizmente incisivos e que dirixen a súa ollada a cuestións de orde estético-literaria e política -especialmente suxestivas son as páxinas, para min, que apuntan ao ocorrido na literatura dentro do que chama “fantasía da normalización” na liña do proposto polo ensaísta Josep-Anton Fernàndez- que se estruturan baixo a intención de fuxir de estereotipos e lugares comúns con inequívoca solidez interpretativa. Aborda a autora a disidencia explícita nestas catro narradoras e, teño para min, que o fai con excelente pulso crítico. Moi recomendable esta cartografía literaria para formarse, para aprender a calibrar algunhas tensións existentes no campo literario galego e, en definitiva, a ver as cousas desde outra perspectiva. Particularmente agradezo e saúdo un traballo como este que nos ofrece Lorena López.