Deber de Baltar. Medicina e compromiso

Catálogo expositivo

Deber de Baltar. Medicina e compromiso

Consorcio de Santiago-Edicións Xerais, Vigo, 208 páxinas, 24,95 €, 2022

Non adoito traer a este blog catálogos expositivos mais o certo é que esta publicación, que deixa en papel a memoria da exposición inspirada na novela Un señor elegante de Suso de Toro, comisariada e deseñada por Pepe Barro, ao non ter a oportunidade de coñecela no período que estivo aberta ao público en Compotela, resulta unha inmellorable ocasión para achegarnos, unha vez máis, aos ecos que suscita esta saga familiar que, dalgún xeito, nos descubriu e novelou con tanto talento Suso de Toro.

O catálogo, editado con pulcritude, incorpora un texto de inicial Pepe Barro, comisario e deseñador da exposición, no que revela a xénese e a dinámica da montaxe subliñando un aspecto esencial da mesma como é o feito de rescatar “a memoria” e “reconstruír” os personaxes da familia Baltar, dos que salienta os aspectos culturais, sociais, profesionais e políticos máis atractivos que se exhibiron en Fonseca entre os meses de febreiro e abril deste mesmo ano.

Alén dun corpus fotográfico excelente a cargo de Manuel G. Vicente e Barro Deseño complétase a publicación cunha ineludible e acaída achega a cargo de Suso de Toro que, baixo o título de “Legado dos Baltar”, biografa, contextualiza e proxecta para o noso presente a relevancia e as inquedanzas que se espallaron, ao longo dos anos, nos diferentes membros da familia. Un libro que, dalgún xeito, complementa a achega ficcional do autor dun xeito espléndido.

Incorporo abaixo unha espléndida curtametraxe de Juan Meseguer para a exposición que dá boa conta do que neste libro se encerra.