O labor humanitario de Florencio Delgado Gurriarán no ano 1939

Un capítulo interesante na biografía de Delgado Gurriarán céntrase na actividade que o poeta de Córgomo levou a cabo nun período moi concreto da súa vida cando, en misión oficial do goberno republicano con visado emitido polas autoridades francesas, vai implicarse con denodo no labor de prestar axuda aos galeguistas recluídos nos campos de concentración franceses.

Consérvase no arquivo da Fundación Penzol de Vigo un corpus epistolar, talvez incompleto, cruzado con Rodolfo Prada que contribúe con eficacia a deseñar as actividades que Delgado Gurriarán realizou neste labor humanitario. Por volta de febreiro do ano 1939, establecido en París, elabora un programa de axuda aos exiliados no cal interveñen, en diferente medida e fóra del mesmo e de Prada, Castelao, Ramiro Illa Couto, Seoane, Suárez Picallo, Mosteiro, Antón Baltar, Miñores ou Pérez Guerra, aquén e alén mar, e cuxo primeiro paso é o a redacción dunha listaxe dos galegos recluídos nos campos de concentración franceses.

            No corpus antedito, que ben merecería unha edición exenta e comentada, Delgado Gurriarán dá conta de numerosas vicisitudes como a pésima situación dalgúns exiliados citando expresamente a Ramón de Valenzuela, no campo de Saint-Cyprien,  ou Xoán Xosé Pla, a quen lle roubaron as pasaxes para México, o que derivaría nunha aguda crise cardíaca. Ao tempo, solicítalle a Prada a perentoria toma de contacto cun curmán seu radicado en Buenos Aires chamado Héctor González, a quen pide axuda valorando a posibilidade de se radicar naquela cidade aínda que, como é sabido, a política de inmigración arxentina naquela altura imposibilitará esta opción.

            En marzo de 1939 o comité xa ten localizados, alén dos amentados, a Ramón Martínez López, Amparo López-Jean, Horacio Casas, Elixio Rodríguez, os irmáns Caridad, Ramón Cabanillas fillo, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Isidro Puga e outros que aínda procuran como Xohán López Durá e Calros Tomé, sen esquecer o problema dos “galegos en xeral” que son “cicais uns milleiros”.

            O papel de Prada neste desafío é crucial e axiña recada fondos dos Grupos Galeguistas de Buenos Aires e de Uruguay, sen esquecer os concedidos polo chamado Comité Orensano Leal e pola Federación de Sociedades Gallegas. Ao mesmo tempo intercambia con Delgado información sobre os lugares onde se atopan os galegos dispersos e o seu lugar de orixe para implicar no seu rescate e institucións territoriais da emigración como se demostra na relación de presos que acompaña este artigo entre os que constan Lorenzo Varela, Dieste ou Otero Espasandín, aínda que estes últimos serán liberados polo escritor antifascista Jean-Richard Boch e acollidos na casa deste en Poitiers. Finalmente, tomará corpo unha proposta para nomear un comité conformado por Delgado Gurriarán, Ramiro Illa Couto e Germán Vidal como responsables da distribución de fondos recadados que pode ascender a uns 150.000 francos, derivados inicialmente ao Comité de Socorro Internacional para logo seren transferidos ao comité devandito coa indicación de prestar socorro nesta orde: galegos da Fronte Popular que pola súa actuación ao servizo da República corresen máis perigo, aqueloutros que “constitúan verdadeiros valores para o mañán de Galiza” e, finalmente, outras persoas que por razóns especiais “conveña pór a salvo”.

            Estas foron algunhas das tarefas solidarias nas que Delgado Gurriarán depositou o seu esforzo até que, tamén el, collerá camiño do exilio, a bordo do “Ipanema”, con outros galegos que conseguiu localizar e evacuar.

Cortesía da Fundación Penzol

Este artigo publicouse nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia o 3 de xullo de 2022.