Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo, de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira

Marilar Aleixandre – Emma Pedreira

Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo

Galaxia, Vigo, 120 páxinas, 15,95 €, 2022

Conxecturo que este é un libro ao que se lle deu, por parte das súas responsables, moitas voltas. Talvez non resultaba menor a preocupación de como transformar, desde a escasa documentación existente e de difícil e complexo acceso, a figura de Juana de Vega no eixe dun volume que rescatase e puxese ao día a súa axitada biografía, o seu compromiso co liberalismo, a súa dimensión como activista social de fondo alento solidario ou o seu papel como creadora de escolas. Todo un desafío, así pois, no momento de deseñar un libro que semella unha novela, un libro de historia ou unha crónica dun tempo que, se cadra, é todo á vez e por xunto. Engadámoslle a maiores a vontade que latexa de maneira manifesta en todo o libro de espellar as circunstancias sociais, políticas e culturais dun tempo en que o papel da muller estaba reservado a papeis secundarios sen relevancia social e que aqueloutras mulleres ilustradas, en boca dalgún político da época consideradas “seres monstruosos, híbridos de muller e home”  como se recolle xunto outras apreciacións neste libro, puxeron por riba o dereito a reivindicarse e a ser elas mesmas.

            E cal foi a fórmula ensaiada, paréceme que con indiscutible acerto, para darlle vida e para descubrir -nalgúns casos redescubrir con novos ángulos- a Juana de Vega? Articular, a catro mans, un libro coral con multiplicidade de voces, isto é, erixir un libro construído grazas á intervención, a xeito memorialístico, de Juana de Vega, xaora, mais tamén doutras instancias que se ben poden sorprender mais que gozan dunha funcionalidade necesaria e orixinal meritoria nesta achega: velaí a cidade da Coruña na que Juana de Vega viviu a facer un reconto da súa propia historia, mais tamén outros actantes como son morte ou lugares que cobran vida como a vila de Carral, unha carballeira de San Pedro de Nós (Oleiros), Bermés, Londres ou Idozin: lugar de orixe do xeneral Espoz y Mina, de quen Juana de Vega enviuvou moi nova.

            Deséxolle a maior das sortes para este libro. O esforzo de compoñer unha biografía suxestiva, que abrangue ademais os ecos de todo un século cheo de convulsións, ben o merece.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem“, de La Voz de Galicia o 15 de xullo de 2022.