Mulleres imprescindibles. Educadoras na vangarda do século XX, VV.AA.

VV.AA.

Mulleres imprescindibles. Educadoras na vangarda do século XX (tradución de Isabel Soto)

Kalandraka, Pontevedra, 224 páxinas, 19 €, 2022

A Biblioteca de Pedagoxía da editorial Kalandraka, dirixida polo catedrático de Teoría e Historia da Educación Antón Costa Rico –colección galardoada en 2019 na cuarta edición da Gala do Libro Galego como mellor iniciativa bibliográfica–, desenvolve un labor imprescindible tanto no que se refire á formación do profesorado como no ámbito das persoas, en xeral, interesadas na educación. En efecto, grazas ao seu catálogo e a esa dinámica que persegue cubrir lagoas bibliográficas en lingua galega, posibilitou que poidamos acceder a textos clásicos ou inéditos, de orientación pedagóxica e intenso sentido formativo, da man de grandes especialistas como Tonucci, Montessori, Meirieu, Piaget, Freire, Freinet ou Dewey entre outros.

Nese ronsel incorpórase Mulleres imprescindibles: un volume de autoría colectiva que vén da man de destacadas investigadoras no eido biográfico e pedagóxico e que se conforma por nove achegas realizadas ad hoc para este proxecto e que, por xunto, constrúen unha monografía orixinal que rescata e pon ao día referentes, nalgúns casos aínda nesa zona de sombra da historia educativa máis recente. Velaquí unha posibilidade que permite  descubrir ou redescubrir, nun monllo de análises rigorosas e lúcidas, accesibles para todo tipo de público, algunhas das claves de educadoras como foron  Rosa Sensat, María de Maeztu, María Luísa Navarro, María Sánchez Arbós, Justa Freire, Elbira Zipritia, Marta Mata, Carme Miquel ou a galega María Barbeito.

Tal e como sinalan Antón Costa e Manuela Rodríguez no limiar deste volume -traducido para o galego por Isabel Soto- son mulleres que, alén de seren nalgúns casos depuradas no franquismo por formar parte daquelas “luces da República”, están unidas por diversos fíos como son  o compromiso coa educación e cos valores progresistas; a indiscutible orientación social reformadora que exhiben; a preocupación pola reflexión, polo espírito renovador e pola escrita para intervir sobre o presente, ademais do interese depositado na formación do profesorado “no horizonte dunha sociedade máis xusta, libre, solidaria e acolledora”. Non dubido que a educación segue a ser o futuro e esta monografía das grandes educadoras axúdanos a entendelo.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, sección “Ex umbra in solem”, o 22 de xullo de 2022.