Ramón D. Veiga
Zoom
Xerais, Vigo, 112 páxinas, 16,95 €
Ramón D. Veiga era coñecido, ata o de agora, pola publicación dun estimable corpus constituído por pezas da literatura infantil. Chéganos agora a súa carta de presentación no ámbito da creación literaria para persoas adultas e faino cun conxunto de relatos baixo o título de Zoom que se alimenta por unha dinámica moi específica: o autor solicitoulle unha imaxe a un conxunto de persoas profesionais da fotografía -algunhas simplemente afeccionadas a ela-, sen ningún criterio indicativo, sen ningunha condición previa máis que remitisen aquela fotografía que desexasen. Velaí, así, un total de doce fotografías en branco e negro, naturalmente incorporadas no libro, que resultan ser a fonte de inspiración -por veces o punto de partida, en ocasións a conclusión ou, ás veces, un fío argumental- á que o autor recorre para a construción doutros tantos relatos.
A estratexia pode resultar arriscada pois ese abano de fotografías, tan distintas e heteroxéneas entre si, poderían deitar un resultado escasamente compacto ou sólido para un libro de relatos, mais o certo é que D. Veiga se manexa con habilidade na notoria pluralidade de suxestións narrativas que as fotografías encerran porque somete a súa escrita, de maneira natural e nunca forzada, a un exercicio con altas doses imaxinativas, dominado pola presenza inescusable en case todos os relatos de certo distanciamento que lle posibilita o emprego da ironía, nalgúns casos do humor. Estes esteos constrúen e deseñan unha visión en moitas ocasións imprevisible ou insospeitada sobre-o que a propia vida nos ofrece.
Afastándose do que talvez podería resultar máis doado ao visualizarmos as fotografías que prologan cada un dos relatos, o autor -que manexa con brillantez o recurso ao diálogo- formula un horizonte de expectativas no cal cómpre activar a nosa participación na lectura ao recrear eses pequenos -ou grandes- universos en que abrolla a condición humana asediada en moi diversas dimensións ao expor conflitos, ás veces verdadeiras situacións dramáticas. Conflitos, por certo, respecto dos que é doado sentilos como afectivamente próximos.
Unha meritoria e recomendable estrea do autor neste xénero. Bo sería que esta liña principiada gozase, en breve, de continuidade.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 26 de agosto de 2022.