Perfecto Conde
Conversas con Paco del Riego
Xerais, Vigo, 232 páxinas, 18,95 €, 2018.
O plenario da Real Academia Galega celebrado o 9 de xullo deste ano adoptou a decisión, como se sabe, de homenaxear co Día das Letras do ano vindeiro a Francisco Fernández del Riego: unha das persoas que en 1963 defendeu a idea de pór en marcha esta iniciativa, alén de presidir a institución e doutros méritos literarios e culturais que, inescusablemente, representa.
O autor deixounos, no ámbito específico da autobiografía, dúas pezas que, alén de robustecer o xénero con rotundidade, se converteron en valiosas contribucións informativas e formativas sobre o galeguismo do século XX. O relato das súas vivencias e experiencias constitúe, aínda hoxe, un galano que axuda a comprender as claves dunha figura como a súa e proxecta ata a actualidade o incansable labor ao servizo do país que desenvolveu na súa longa vida.
Este verán rescatei unha lectura como foi Conversas con Paco del Riego, de Perfecto Conde, publicado hai catro anos e que, no seu momento, non calibrei axeitadamente. Explícome: tras a lectura atenta, no seu día, dos dous volumes que subscribiu Fernández del Riego nos que o autor fai memoria detallada da súa vida –O río no tempo (1990) e Camiño andado (2003)- entendín erradamente que un libro de conversas se cadra pouco podería engadir ao que xa era de dominio público. Non é así: o libro nace dun diálogo sostido en diversas sesións en abril de 2008 nas que o entrevistador deixa discorrer a memoria de Fernández del Riego de maneira que afloran, cando menos, dous trazos que sosteñen singularmente o volume como son a natural espontaneidade que se deriva dunha conversa e a exhibición dun ton menos formal que o incorporado nas memorias, moito máis próximo e mesmo, se se quere, menos cauteloso cando o entrevistado se detén nalgúns aspectos concretos que se refiren tanto a acontecementos políticos como a outros próximos á súa esfera máis persoal.
Velaí como o autor, por exemplo, irisa con outra profundidade o mundo da súa infancia en Lourenzá, incorpora algúns detalles novos da súa estadía en Madrid como estudante ou engade nova información relativa á vida cotiá dos seus últimos anos. Un libro, en definitiva, moi útil e recomendable para situarnos no horizonte das Letras Galegas 2023.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem“, de La Voz de Galicia o 2 de setembro de 2022.