Lingua, poder e adolescencia, de Miguel Rodríguez Carnota

Miguel Rodríguez Carnota

Lingua, poder e adolescencia

Xerais, Vigo, 360 páxinas, 23,95 €, 2022

Onte comezou oficialmente un novo curso en diversas etapas educativas: un período lectivo marcado por cambios deficientemente planificados que, nas máis das ocasións, o profesorado terá que ir resolvendo. Máis evidencias e certezas hai, sen ningún tipo de dúbidas, respecto do esmorecemento, palpable e progresivo, no uso do idioma galego na adolescencia nas contornas educativas: por esta razón un libro como o que ocupa estas liñas resulta extraordinariamente útil pois desde o título afonda na relevancia que posúe a educación no amparo dos dereitos lingüísticos.

Hai algún tempo diversas análises -penso nas achegas de Valentina Formoso ou Ana Iglesias por exemplo- diagnosticaron con obxectividade e precisión a realidade do uso da lingua galega nas aulas, afondaron nas causas dos conflitos lingüísticos que agromaban nestes espazos e deseñaron as expectativas de futuro que rodean este asunto de vital importancia para o futuro do idioma. Nesta liña vén incorporarse o ensaio  titulado Lingua, poder e adolescencia, de Miguel Rodríguez Carnota, co obxectivo fundamental de expor, con criterio razoado, esta mingua ou decaemento da lingua galega.

O autor analiza, así pois, a biografía lingüística de dez rapazas e rapaces, galegofalantes, nun medio hostil ao idioma dunha vila e un instituto galego. O discurso das persoas entrevistadas, analizado con técnicas empíricas e un solvente marco teórico, debería ser de obrigada consulta para as persoas interesadas ou para aquelas que deberían estalo. Grazas a elas revélase un “estado da cuestión” marcado por dolorosas renuncias, pola desigualdade que se xera entre o alumnado por razóns da lingua ou polas difíciles resistencias, estigmatizacións e claudicacións nas condutas lingüísticas por presións entre os pares e, ás veces, desde instancias docentes, que nos deberían facer pensar e tomar medidas visto que as existentes perpetúan tendencias esclerotizantes. Para as persoas que coñecemos de primeira man o que aquí se describe é posible que non nos sorprenda pero sempre resulta enriquecedor confirmar sospeitas para perseverar na defensa do idioma. Cómpren novas estratexias para saír desta derrota e este valioso libro ofrece algunhas pistas a ter moi en conta.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 9 de setembro de 2022.