Se falases de min, de Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro

Se falases de min

Ed. Elvira, Vigo, 182 páxinas + CD, 38 euros

Talvez resulte redundante, mais ao tempo é de xustiza, evocar aquí a potencia creativa dun autor como Antonio García Teijeiro: a ductilidade que manexa á hora de enfrontarse diante de novos retos, a perfección formal que domina a súa obra poética ou o importante papel que, nos seus poemas, desempeña o ritmo e, ao mesmo tempo, a música interna. Todo o que acabo de sinalar concéntrase felizmente no que polo de agora é o seu último libro, publicado requintadamente pola editorial Elvira, baixo o título Se falases de min. Nel incorpora dous libros poéticos, diferentes entre si pero homoxéneos en canto ao suxestivo tratamento poético que lles outorga: Cando caen as follas e Palabras envoltas en cancións. No primeiro latexa certa tonalidade outoniza que apunta á dimensión nuclear do paso do tempo onde as versos son follas, mais tamén soños, fantasías e música para dialogar con voces de moi diversas tradicións poéticas cun vizoso resultado que percorre ecos hilozoístas, lorquianos, cunqueirianos, popularistas e experimentalistas ás veces, sen esquecer a intensa presenza do mundo da natureza. O segundo libro aliméntase dunha das paixóns do poeta ao articular un recoñecemento a un bo número de músicos e formacións que van de Lennon a Bob Dylan, de Janis Joplin a Alanis Morisette, de Oasis a Prince entre outras: voces e letras obxecto de homenaxe grazas á palabra e mercé un xogo intertextual, en forma poética ou narrativa, que percorre algún dos ámbitos suxestivos das súas traxectorias, complementándose cuns breves e  celmosos comentarios ad hoc da man de Jordi Sierra Fabra.

Por esta participación última é este un libro coral. Mais a do escritor catalán non é a única: aquí hai sitio para outras colaboracións igualmente importantes entre as que salienta a de Paco Ibáñez -que viaxa nun cedé tanto para interpretar o poema que lle dá título ao libro como para protagonizar outras gravacións en directo con García Teijeiro-, a de Xulio García Rivas, responsable dun amplo e suxestivo corpus de ilustracións que vai da ricaz policromía aos grises e aínda a do cantautor Alberto Cunha, que pon acertada música e voz a diversos poemas do autor. Un libro memorable que é un festa para a poesía, a música e a imaxe.

Este texto pubicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 23 de setembro de 2022, na sección “Ex umbra in solem”.