Bernardino Graña, noventa anos a pé de obra

A véspera do aniversario de Bernardino Graña, isto é, o 26 de setembro, recibía un whatsapp de Alexandre Ripoll, como supoño outras moitas persoas. Nel avisábanos que eran noventa anos os que cumpría o poeta e, ao mesmo tempo, incorporaba un traballo espléndido que ideou para festexar a data: unha antoloxía que recollía, con moi bo tino, noventa poemas: un por cada ano cumprido. Un proxecto que percorre, con amor, a obra literaria do poeta da que extrae, cun criterio que comparto, o celme da súa achega poética esparexido ao longo dunha extensa obra. De Ripoll, catedrático de Lingua Galega e Literatura xubilado, que dedicou e dedica boa parte do seu tempo a coidar con agarimo, respecto e veneración a Bernardino, ingresado nunha residencia en Nigrán desde hai bastantes anos, cumpriría falar por extenso e pór en valor a súa constante e altruísta preocupación polo benestar do poeta. Pero hoxe cómpre centrarse no autor de Profecía do mar.          

A súa poesía, que deu os seus temesiños pasos nos anos cincuenta, naquel Vigo da revista Alba, posibilita realizar un percorrido por unha parte substancial da lírica galega dos séculos XX e XXI.  Desde o seu célebre Poema do home que quixo vivir (Brais Pinto, 1958) até Acendede as almenaras (Xerais, 2000) a súa poética abala desde aquelas composicións acaroadas ao existencialismo, pasando pola poesía combativa que abraza o espírito solidario e a intención cívica contra a opresión e o abatemento, a amorosa e mais a erótica, ata o cultivo da estética ecoloxista -cando ninguén reparaba na necesaria celebración da natureza como obxecto do canto- co mar, sempre o mar, disposto con brillantez no horizonte, non como pano de fondo senón como vivencia sincera. Non en van a última antoloxía-homenaxe que editou o ano pasado a RAG en recoñecemento ao poeta e presentada nun memorable acto no concello de Nigrán levaba por título Bernardino Graña como un mascato ergueito: un volume coordinado por Marilar Aleixandre no que participaron un bo número de poetas de hoxe que quixeron estar ao seu carón.

En efecto, a obra poética de Bernardino Graña, plural e poliédrica, érguese como un mascato por riba de modas e tendencias e mantense sempre fiel a uns principios que defendeu como experiencia profunda: poemas que  primeiro cumpría soñalos e logo traballalos, mesmo “sufrir por eles” como afirmou nunha autopoética. A súa produción, que se instala no exercicio consciente do oficio do poeta,  segue a conmover e a transmitir con honestidade un imaxinario que, dalgún xeito, está na cerna da nosa  identidade. A súa estética, sempre coidadosa co ritmo e a musicalidade, compéndiase en nove libros poéticos que constitúen un patrimonio da nosa poesía recente mais non cumpriría, no seu perfil creativo, ignorar o dilatado labor que desenvolveu no ámbito da literatura infantil e xuvenil coa publicación de pezas excelentes cando esta era case un ermo; nin a súa obra dramática -tiven a sorte de dispor para a edición a triloxía Lobísimo do saco (2019) que entendo como unha proposta clásica do teatro infantil que xunta con excelencia humor e denuncia da tiranía do poder- ou esoutro campo no que tamén traballou con intensidade que é a súa obra narrativa, talvez percibida como secundaria na súa traxectoria mais que goza, indiscutiblemente, de inequívocos valores como amosan o aínda marabilloso Fins do mundo (1974),  A fuga a Exipto (2016) ou os máis recentes O neno mariñeiro (2017) e Os toliños mariñeiros da Costa da Morte (2020), en edición de A. Ripoll.

O seu perfil complétase co labor que desenvolveu como ensaísta, como docente de dilatada traxectoria, como articulista -cunha produción en parte aínda pendente de compilar- ou como forza motriz de moitas institucións culturais. Queda aínda moito por coñecer e afondar na obra de Bernardino Graña e contamos, por sorte, con excelentes especialista na súa obra. Cómpre seguir adiante e, mentres tanto, felicitar o ser humano por este noventa aniversario.

Este texto publicouse nas páxinas culturais de La Voz de Galicia, o 3 de outubro de 2022.