Vicente Araguas
O lugar onde vou
Galaxia, Vigo, 168 páxinas, 16,70 €, 2022
Vicente Araguas mereceume sempre o maior dos respectos e moita admiración por diversas razóns que son diferentes e complementarias. A primeira delas susténtase no exercicio que serviu para afondar nas claves dun movemento musical do que foi membro fundador e parte activa: o seu aínda insubstituíble Voces ceibes (1991) supuxo facilitar o acceso a un coñecemento fundamentado do que foi, no fondo, unha historia de amor co seu país e as súas xentes.
Mais o traballo creativo do autor vai alén disto. Súmense ao anterior os milleiros de páxinas escritas como columnista e memorialista, tamén como analista crítico da realidade literaria contemporánea desde hai moitos anos ao que, xaora, cómpre engadir unha valiosa achega desenvolta como poeta e narrador. Particularmente, máis atento a esta última faceta, seguín con interese a totalidade dos seus cinco libros narrativos ata a actualidade.
E arestora este O lugar onde vou articúlase como unha colectánea de relatos curtos que dialoga coas páxinas do seu espléndido volume Xuvia-Neda (2010). En efecto, velaquí un retorno a un territorio, físico mais ao tempo emocional agora chamado “Nebia”, do que a meu xuízo o Araguas narrador en galego poucas veces quixo afastarse: ese lugar ao que sempre se volve, ofrecendo unha ollada un tanto descrida, por veces sorprendente, e dominada por un aquel de fina ironía que entretece con certa tonalidade melancólica para conformar, por escrito, ese universo íntimo e persoal que é no que un esperta e sae ao mundo.
Imposible falarmos polo miúdo deste vinte e dous relatos que compoñen o volume. Con todo, a ese pouso da memoria anoado a Nebia, mais tamén a ese Asteleiro sempre presente -a saber canto de real e canto de ficcional pode haber- únese a presenza do fantástico que agroma onde un menos o espera para darlle sentido ao que non o ten, sen esquecer que aquí tamén se fala moito da condición humana e de lugares que se visitan para deixar un pouso imperecedoiro, mesmo cando se viaxa a tempos recuados que nos axudan a explicar o presente. Con todo, volvendo ao espazo central, un personaxe que por estas páxinas circula afirma que “o persoal de Nebia élle do máis peculiar”: tras ler este libro é imposible argumentar nada en contra.
Esta recensión publicouse o 7 de outubro de 2022 nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”.