Andrea Fernández Maneiro
Edénicas
Ed. Caldeirón, Malpica, 94 páxinas, 14,50 €
Lera con interese, hai algún tempo, o libro Migratoria, de Andrea Fernández Maneiro, o que me animou a achegarme a esta proposta da escritora vilagarciá que foi, ademais, galardoada no XVI Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas que, puntualmente, edita Caldeirón.
Édénicas é, ao meu ver, un libro suxestivo que se adentra con solidez e pulso propio na poesía erótica. Éo porque articula unha visión do erotismo inspirada, ao meu ver, en dous esteos fundamentais como son, por un lado, o afondamento -ou reapropiación- de imaxes e símbolos de filiación bíblica -recurso ao meu ver moi ben fiado e non hai máis que pensar no famoso Cantar dos Cantares-, presente na totalidade do libro como un diálogo ricaz que ofrece grandes acertos expresivos.
Por outro lado, coido que tamén obtén uns rendementos óptimos a interrelación temática cun campo semántico, e os seus correspondentes símbolos, procedente do ámbito da botánica, que suscite unha lectura acaroada ao mundo da natureza e dos sentidos, á sensualidade nunha palabra. Lectura que, ademais, se apousenta nuns versos finais incorporados noutro tipo de letra en cada un dos poemas constituídos, polo xeral, como imaxes visionarias asociadas, liberrimamente, ao contido de cada composición.
En definitiva coido que Edénicas é un libro excelentemente traballado e que confirma, abofé, tanto a versatilidade da súa autora ao abordar un exercicio creativo esixente como a súa progresión no ámbito da poesía actual. Parabéns!