«Lumes»: a escrita resistente

Ismael Ramos

Lumes

Apiario, 72 páxinas, 16 €, 2017

Lin no seu día Lumes (2017), o segundo libro de Ismael Ramos, que me causara, como Os fillos da fame (Xerais, 2016), unha impresión moi positiva. Pasado o tempo é evidente que este foi un libro afortunado: reeditado nese selo especializado en ofrecernos verdadeiras fantasías como é Apiario, avanzou na busca de novos horizontes ao ser traducido para o portugués pola editora coimbrá Do lado esquerdo e, ao castelán, polo selo La Bella Varsovia. Xustamente esta última tradución, realizada polo propio autor, foi galardoada co Premio de literatura nova ‘Javier Morote’. É de supor que agora, co premio “poesía joven Miguel Hernández 2022” outorgado a Lixeiro (Xerais), este libro que me ocupa volva cobrar merecida atención.

É posible que xa en Lumes se asentasen opcións estéticas que xa se apuntaban na súa estrea e se suxerisen outras que toman forma en Lixeiro. Unha destas é a recreación, quizais un diálogo de ida e volta nesa escrita abisal que tanto o caracteriza, entre memoria e imaxinación. É aí onde circula a familia e a identidade -persoal e colectiva- para cobrar un papel determinante nun territorio onde se prenden lumes, fuxidíos como as estrelas fugaces das que falaba Celso Emilio: estoupidos efémeros de luz que, con todo, fican gravados con profundidade na propia memoria.

E consegue este efecto ao estar gobernado por unha intensa narratividade que posibilita asomarnos aos ecos que resoan das vivencias penduradas no tempo mentres se revela o verdadeiro significado das olladas e dos acenos, da carraxe e o agarimo, por veces do intanxible.

Unha escrita, en fin, resistente que talvez naza de asumir que nada do que nos ocorre é inocente. Articulada como un proceso purificador que, dalgún xeito, pasa os dedos da man polas cicatrices, tamén contempla a dor nun territorio que é o íntimo e o cotián, o doméstico e o das relacións familiares, sen esquecer un percorrido lúcido polas estremas do precariedade. Lumes, así, adquire unha entidade que se proxecta nunha dimensión colectiva pois nel se conflúe un encontro imposible e esgazador entre o amor -desencantado moitas veces- e a morte, como resultado dun proceso de esculca continua que nos advirte  de que como esta pousa e  nos poboa desde que adquirimos a categoría de ser.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem“, o 14 de outubro de 2022.