Andrea Maceiras
Que me pare o corazón se te esquezo
Xerais, Vigo, 224 páxinas, 12,95 €
Non descubro nada novo se afirmo que Andrea Maceiras é un dos grandes valores da nosa literatura en xeral e da nosa literatura xuvenil en particular. Que me pare o corazón se te esquezo, galardoada na décimo quinta edición do Premio Raíña Lupa de Literatura infantil e xuvenil, non deixa de confirmar a inequívoca progresión desta voz que, como é adoito na súa obra, o fai abrazando un estilo coidado e fluído. Resultado igualmente, a meu entender, dun exemplar coidado depositado na confluencia entre unha temática absolutamente contemporánea e os mecanismos que a converten nunha peza literaria atractiva.
Deste xeito, e grazas a unha efectiva estrutura tripartita, Maceiras intérnanos nun espazo, Nordestal, que vai alén dun simple territorio imaxinario e no cal sitúa unha trama narrada a dúas voces cunha calculada diferenza e heteroxeneidade nos rexistros empregados. A proposta vincúlase tematicamente, e en primeira instancia, co uso e a realidade que hai detrás das redes sociais e, concretamente, nos denominados retos virais. Afóndase así en quen está detrás dos retos e cales son as razóns últimas que explican toda esa dinámica e velaí a personaxe de Blue Shiva: unha youtuber adolescente que, no fondo, se converte no eixe arredor do cal alentan outras voces, como Ada e a súa irmá xemelga Lúa, alén de cobrar vida outro personaxe como é Gabriel, que focaliza unha historia de amor e de identidade persoal. Voces, todas elas, que gozan dunha vida virtual na que responden a outras denominacións de proxección simbólica que resultan, asemade, todo un acerto: Fada Escura, Plenilunio ou Dante, entre outras como Minina Bastet ou Lady Idunn.
A novela, como se dixo, recrea esta temática tan contemporánea e faino desde unha atalaia afastada dunha vontade moralizadora e dunha visión maniquea pois é notorio que se apuntan os riscos existentes na rede mais tamén os aspectos positivos dela. Nestas páxnas tamén hai espazo para recrear, con solidez e de maneira natural, outros asuntos como son a busca da propia identidade e o mundo das aparencias, os límites das propias accións, os trastornos da saúde mental ou a importancia que se deposita nos afectos como forza motriz do día a día.
Unha achega, ao meu xuízo, relevante no ámbito da nosa literatura xuvenil que recomendo non unicamente para esa franxa lectora.