
A concesión do Premio Nacional de Narrativa a As malas mulleres é un galardón outorgado a unha novela, algo fóra de dúbida, pero permítome entendelo como un recoñecemento tanto a unha traxectoria creativa como a unha tradición literaria caracterizada, é evidente, por unha inequívoca vizosidade, como demostra esta distinción e mais a concedida o ano pasado a Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga, ambos os dous premios de novela Blanco Amor. Ben está que se poña o foco de novo nesta proposta, que goce de xusta atención mediática e do interese do público; tamén o será que fóra de Galicia se dirixan moitos ollos a esta e outras propostas da autora, sexan do xénero que for.
Abonda unha ollada á súa bibliografía para comprender que nos ocupa unha voz substantiva nas nosas letras contemporáneas. O seu é traballar un macrotexto marcado pola diversidade á hora de adoptar xéneros -por veces híbridos- que navegan por unha amplísima produción dentro da literatura infanto-xuvenil, por unha non menor obra en prosa na que inclúo memorables colectáneas de relatos e que se estende nos ámbitos da creación poética e no exercicio, brillante, da tradución ou do ensaio de carácter científico, interdisciplinar ou biográfico. E resulta de regra salientar na súa obra a heteroxeneidade e progresiva esixencia á hora de abordar asuntos entre os que resultan felizmente recorrentes, ao meu ver, tanto a irrefutable presenza da memoria e do feminismo como o manifesto compromiso pola contorna natural que nos é propia, que vai alén das consideracións ecolóxicas para postulalo como unha filosofía de vida. En boa medida teño para min que parte da súa estética está contida nas liñas que compoñen o seu discurso de ingreso na RAG titulado Voces termando da paisaxe galega, que é doado atopar na web da institución.
Mais volvendo a As malas mulleres hai poucos meses a autora visitou o Club de Lectura do IES Castelao, centro que dirixiu e no que exerceu a docencia durante trece cursos. Nun encontro coas lectoras revelou os achados que, durante a composición da novela, foi atopando. Descubertas que, entrelazando historia e ficción, cunha exemplar perspectiva panóptica, soubo tratar literariamente, soubo compartir, para non deixar a ninguén, e diso dou fe, indiferente.
Este texto publicouse nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia o 26 de outubro de 2022.