En tempo de desconto, de X.R. Pena

Xosé Ramón Pena

En tempo de desconto

Galaxia, Vigo, 236 páxinas, 19,75 €, 2022

Transita de novo Xosé Ramón Pena por un xénero que, hai anos, xa lle dera bos resultados como é o da novela curta ou o dos relatos longos, considérese como se queira. En tempo de desconto, tal é o título do seu último libro, abraza a súa querenza ben explícita por tres eixes fundamentais na súa estética como narrador como son a exploración da memoria, persoal e colectiva, entretecida coa ficción; o especial coidado depositado na construción das acaídas atmosferas e dunha prosa depurada, ao tempo que tensa, áxil e rápida, alén das heteroxéneas armazóns ou estruturas que nalgún caso, como a do derradeiro relato -cunha exploración moi rendible  e efectiva de diversas técnicas cinematográficas- evoca e homenaxea ás claras a estrutura de A esmorga blanco-amoriana.

Malia seren desemellantes en canto ao asunto recreado, nas catro propostas que se ofrecen alenta con teimosía un elemento común -máis alá tanto do encadramento temporal, pois todos se inscriben entre o final do franquismo e os comezos da democracia, como da intensidade dramática que os domina- e tal é un fío inequívoco que anoa as vontades dos personaxes que por aquí circulan, quer dicir, esa decisión que todos e cada un deles han de tomar nun breve lapso de tempo, sometidos a  unhas circunstancias ás veces extremas. Determinación, claro é, que resulta concluínte para o deseño dun futuro inmediato que será o da derrota, en moitas ocasións, ou o da redención nunha loita contra o reloxo  para escribiren, eles mesmos, as liñas do seu destino.

Xosé Ramón Pena achéganos, así, ao universo que xunta a cinematografía e a música -tan caros ao autor- coa figura de Andrés Dobarro de fondo e outro músico, rival deste último, que só existe na ficción; mais tamén constrúe outros escenarios, atentos igualmente ao pouso que deixa a cultura popular recreada con transparencia, que nos fan percibir amores ou paixóns irrefreables, por veces imposibles, intensas amarguras ou moitas das perversións que xera o poder. No fondo, e por xunto, estes catro relatos retratan, e na obra do autor betanceiro isto asoma con feliz recorrencia, as estremas da propia vida e, claro é, as profundas contradicións da condición humana.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 28 de outubro de 2022, na sección “Ex umbra in solem”.