Darío Xohán Cabana, un ano despois

Cumprirase mañá, día 16 de novembro, o primeiro cabodano de Darío Xohán Cabana. Un ano xa sen o escritor, sen o tradutor, sen o poeta, sen o ensaísta, sen o activista político e sen o académico que foi Darío.

Este ano, con todo, non estivo totalmente ausente da actualidade literaria. No mes de maio publicouse en Xerais A música das palabras. De lingua e literatura (1990-2021): un libro que xa é fundamental para visitar as súas ideas sobre a lingua e a literatura. Nel atopamos a súa ollada, limpa, rigorosa e suxestiva, sobre cuestións que están na cerna do noso idioma e que tamén se deteñen naquilo que vía na obra de voces literarias contemporáneas ou non e que van de María Mariño a Cunqueiro, de Ferrín a Celso Emilio, de Dumas a Petrarca, entre outras.

Tamén apareceu, hai poucas datas, unha nova tradución que entregara á editorial Galaxia para a súa publicación: Claudine na escola, de Colette: obra polémica no seu tempo que deitou á nosa lingua con sabencia e rigor, coma sempre.

Beizón ás editoras por asumir a continuidade do legado de Darío Xohán Cabana, sempre na nosa memoria.