Pemón Bouzas
Cando os lobos escoitaban a radio
Xerais, 272 páxinas, 17,95 €, Vigo, 2022
Dispomos dun heteroxéneo e suxestivo corpus narrativo e histórico, desde algúns anos, que se asoma á resistencia guerrilleira ao franquismo en Galicia, que non foi anecdótica nin banal como se recoñece por multitude de historiadores. A este específico grupo de propostas súmase desde hai algunhas semanas a novela Cando os lobos escoitaban a radio do xornalista Pemón Bouzas.
O escritor intérnase nun ámbito no que dirixe unha ollada consciente e verosímil ao que ocorreu, nunha sociedade moral e materialmente devastada polos efectos da guerra civil, nun espazo concreto que adquire evidente categoría de protagonista como é o territorio que comprende unha gran parte do Bierzo, as montañas lucenses e ourensás e, sobre todo, a comarca leonesa de La Cabrera. É aí onde un grupo de persoas abrazan a resistencia armada como único obxectivo que goberna as súas vidas e onde, no seo das conviccións éticas de cadaquén, se van xerando algúns dos conflitos, dúbidas e incertezas que se deron no seo da partida liderada polo guerrilleiro Girón. Sobre este, e as relacións cos demais membros do seu grupo co pano de fondo da delación e a traizón que sufriu, céntrase unha novela que proxecta un resultado moi efectivo ao relatarse desde unha tripla perspectiva: velaí a voz de Alida, a acompañante de Girón, respecto da que deitan novos matices nun perfil ao que se lle atribuíron falsamente actuacións das que nunca foi responsable; a do garda civil Núñez e mais a do traidor, Xosé Rodríguez Cañueto, chamado Joseliño. Todos eles, cómpre salientalo, tratados con solvencia, singularidade e verosimilitude, especialmente este último nun deseño que nolo presenta como unha figura deshonesta e carente de escrúpulos.
A novela, ademais do seu intrínseco valor histórico, é ficción e manexa unha abondosa documentación sen que se advirtan as costuras. Goza, así mesmo, de partes construídas con brillantez -véxanse as relativas ao cerco que a garda civil lles tende ao maquis e outras de fondo alento descritivo- que posibilitan asomarse a un atraente exercicio profiláctico contra a desmemoria. Nela todo cobra pleno sentido nesa espiral inacabable que simboliza a condición humana e o que esta nos pode deparar en situacións extremas.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 18 de novembro de 2022, na sección “Ex umbra in solem”.