Actualidade e vixencia dun xénero. Sobre “Fisterra. Relato curto en Galicia”

VV.AA.

Fisterra. Relato curto en Galicia

Editorial Linteo | 2022 | 470 páxinas   

 

Circulan, desde hai décadas para acó, numerosas antoloxías do relato curto en lingua galega. Algunhas delas ideáronse arredor dun determinado motivo temático, en ocasións articuláronse en torno dunha efeméride concreta e ás veces conxugáronse nelas criterios de carácter xeracional ou epocal. Por xunto, é evidente que é este un xénero que goza de inescusable vitalidade e que chanta as súas raíces nunha tradición vizosa que deu, ao longo do tempo, extraordinarios froitos, malia que en ocasións estes carezan do recoñecemento que verdadeiramente merecerían.

Nesta liña incorpórase unha escolma do relato curto contemporáneo que ve a luz baixo o título de Fisterra.  Relato curto en Galicia, editada no selo Linteo e alentada pola entidade cultural Amigos do libro galego/Artes e letras da que forman parte como coordinadores do proxecto Manuel Pato Vial, Manuel Álvarez e mais o escritor ourensán Xosé Manuel del Caño, alma máter deste proxecto que conta especificamente para este volume cunha lámina creada para o proxecto polo artista ourensán Acisclo Manzano.

            Non teño dúbida que esta é unha proposta ambiciosa caracterizada, por un lado, pola incorporación de relatos realizados ad hoc para esta publicación -por tanto rigorosamente inéditos- e por outro, como ben testemuña un total de corenta propostas, pola pluralidade ao pertenceren a moi diferentes xeracións literarias que, deste xeito, gozan dun infrecuente punto de encontro: velaí desde un texto de Xosé Luís Méndez Ferrín, sumamente valioso se acreditamos que xa non transita creativamente o xénero desde hai algún tempo ata, probablemente, un dos derradeiros escritos por Darío Xohán Cabana sen esquecer o que talvez sexa o pertencente á voz máis nova desta entrega como é a escritora Andrea Maceiras que, por outro lado, posúe un percorrido bibliográfico máis abeirado, ata o de agora, á literatura xuvenil. Isto é, voces que constrúen unha cartografía da relato curto galego que se encadran desde representantes da “Nova narrativa”, pasando por unha representación heteroxénea das que viñeron despois e que se deron  a coñecer nos anos oitenta, noventa e as novas voces dos comezos de século XXI como María Canosa, María López Sandez ou Anxos Sumai. Ao mesmo tempo, outros dous trazos distintivos que singularizan este proxecto serían o de ser xusto espello dun xénero transitado por escritoras -ata hai algún tempo case ausentes de colectáneas deste tipo- e a aposta por integrar nas súas páxinas voces cuxos currículos literarios se alimentan con maior recorrencia de propostas poéticas, de máis longo alento narrativo ou mesmo do ensaio.

            Como se dixo, desde a instancia plural que se corresponde a unha autoría heteroxénea son variadas as temáticas,  perspectivas narrativas e fórmulas compositivas e narratolóxicas que aquí se poden atopar. Non é menor, xaora, a posibilidade que xera este volume para realizar lecturas comparadas e penso nos textos amentados de Ferrín ou de Cabana pois dialogan intertextualmente con outras pezas anteriores da súa autoría. Dun ou doutro xeito, e tal e como subliña Manuel Forcadela,  responsable do limiar, alén de ser un volume operativo para achegarse ás “tensións” e “magnetismos” que se xeran neste campo narrativo, son dúas as tendencias de carácter novidoso que, nunha ollada global, se poden atopar con máis frecuencia, a carón doutras recoñecibles no perfil individual de cada voz: velaí a narrativa de filiación feminista e o relato negro ou policial mais non só pois aquí conviven formulacións que se achegan á temática erótica, ao xogo metaliterario con personaxes coñecidos da literatura galega, á fantasía, á memoria da guerra civil, ao misterio ou, tamén, á denominada auto-ficción.         

    Este Fisterra é o primeiro volume dunha serie que gozará de continuidade nos primeiros meses de 2023 onde se incluirán relatos de Manuel Rivas e Domingo Villar entre outros, con máis da metade de participación feminina e cunha lámina para este libro nesta ocasión a cargo de Manuel Buciños co obxectivo de ir completando unha valiosa cartografía do relato curto contemporáneo galego: esas formas senlleiras de ver o universo todo coa nosa palabra.

Este texto publicouse na revista Grial, nº 235, xullo, agosto, setembro 2022.