Con Pondal en Bergantiños, de Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego

Con Pondal en Bergantiños

Galaxia, Vigo, 120 páxinas, 16 €, 2022

Comezan a aparecer publicacións de e sobre Francisco Fernández del Riego que, como é sabido, protagonizará o ano vindeiro o Día das Letras Galegas.

Na editorial Galaxia, que prevé un total de dezasete publicacións do escritor de Vilanova de Lourenzá, acábase de estrear a colección “Biblioteca Fernández del Riego” coa edición de Con Pondal en Bergantiños, libro que se publicara en Ediciós do Castro en 2001.

Nesta ocasión o volume aparece ao coidado do profesor Xosé Manuel Varela Varela que incorpora un breve e asisado limiar, con datos de carácter biográfico e mais un rastrexo interesante sobre o tratamento que Del Riego realizou, ao longo de múltiples ocasións, da figura e mais da obra de Eduardo Pondal. Ao mesmo tempo, Varela responsabilízase do coidado da edición con necesarias aclaracións lingüísticas ao longo do texto.

Con Pondal en Bergantiños exponse, dalgún xeito, o tributo que Del Riego quixo render á figura de Pondal en forma de monografía ensaística que, como é natural, encaixa á perfección nos trazos do que consistiron as súas achegas interpretativas arredor de diversas figuras das nosas letras. Velaí como o autor, alén da lectura persoal que realiza de cuestións de filiación biográfica e da interpretación literaria do que supuxo o conxunto da súa obra, establece un diálogo ricaz coas referencias que outras voces foron deixando ao respecto. Unha monografía suxestiva que é, ao mesmo tempo, un traballo totalizador que analiza, con estilo propio e por só citar algúns elementos, os conceptos do bardismo e o celtismo, o sentimento da terra ou o manexo dos topónimos e antropónimos na súa poesía.

Gustoume reler este libro que testemuña a admiración que Del Riego sentiu, e que viña de vello, por un dos pais do noso Rexurdimento.