Xesús Ron (coord.)
Chévere 1987-2022. Trinta e cinco anos de axitación cultural. Isto non pode ser obra de galegos!
Kalandraka, Pontevedra, 259 páxinas, 39 €, 2022
Hai escasos días a peza N.E.V.E.R.M.O.R.E., da compañía Chévere, resultaba galardoada na modalidade de Artes Escénicas dos Premios da Crítica Galicia 2022. Cadra este premio, pois, con outro galano que nesta ocasión chega ás persoas interesadas no teatro, aínda que non só, grazas ao traballo -coidadoso e requintado- de Kalandraka: editora que desde hai tempo vai dando a coñecer as diversas pezas teatrais da compañía compostelá e que, coa edición deste Chévere 1987-2022 epilogado por Roberto Pascual, posibilita que accedamos á reconstrución das experiencias acumuladas polo grupo ao longo dos seus trinta e cinco anos de vida, isto é, desvela o ADN desta compañía de axitación teatral.
Asomarse ás páxinas deste libro supón, dalgunha maneira, achegarnos á súa intrahistoria, a todas aquelas vicisitudes experimentadas, cheas de atrancos mais tamén de grandes e extraordinarios logros, que agora xa é tempo de calibrar na voz dos seus propios protagonistas. Mais este volume non resulta unicamente operativo para coñecer polo miúdo as claves dunha filosofía e dunha traxectoria sólida e insubornable pois coma se fose un libro de conversas coral e espontáneo, a través da voz dos seus catro integrantes máis estables como son Miguel de Lira, Xesús Ron, Patricia Lorenzo e Manuel Cortés, aproxímansenos as dinámicas que abrazou unha compañía estable referencial, sen esquecer nin as dimensións do que significou ese espazo alternativo que foi a Nave de Servizos Artísticos-Sala Nasa desde 1992 ata o seu peche provocado por persecución política, nin tampouco as montaxes que neste tempo se foron sucedendo, alén de nos achegar, por extensión, aqueles acontecementos culturais e socio-políticos máis recentes aos que o grupo sempre estivo atento.
Sen abandonar a ironía, presente no subtítulo e tan acaída ao espírito do grupo, esta sorte de fotobiografía colectiva conta cun abondoso material documental e fotográfico e confirma como se pode abrazar unha idea, perseverar nela e gradualmente converterse talvez sen querelo nunha parte indisociable do noso imaxinario cultural e colectivo recente polo seu compromiso, por non ter medo á transgresión e por exhibir talento a mancheas. Por moitos anos.