Polo Correo do Vento
Un día para as letras. Pequena biografía de Francisco Fernández del Riego (ilustracións de Tania Solla)
Lela Edicións, Pontevedra, 32 páxinas, 6 €, 2022
Comentaba neste mesmo blog, hai uns días, a aparición dalgunhas novidades editoriais vinculadas co protagonista do Día das Letras Galegas 2023. Neste sentido púxose en circulación, hai apenas uns días, un novo volume publicado por Lela Edicións e redactado polo equipo de Polo Correo do Vento que ten como obxectivo, con ilustracións de Tania Solla, a divulgación entre a franxa de lectorado máis novo daqueles acontecementos biográficos, culturais, politicos e literarios máis salientables de Francisco Fernández del Riego.
Velaí, así pois, subliñando desde o título un dos méritos de Del Riego como foi o de idear a celebración do Día das Letras, como se ofrece unha revisión sinxela e áxil do seu percorrido vital que repara nalgúns dos acontecementos que dentro do galeguismo protagonizou desde moi novo. Non é labor doado sintetizar unha traxectoria tan intensa e ricaz como a que representa e talvez, na miña opinión, a súa dimensión como ensaísta e, en xeral, como home de letras non se destaque como merecería, aínda que asumo que o obxectivo da publicación é a divulgación dos valores que atesourou Don Paco e esta realidade sexa difícil de tratar nunha publicación breve para as nosas nenas e nenos. Dun ou doutro xeito é esta unha achega que, non o dubido, terá a súa relevancia para espallar a figura de Fernández del Riego. Benvida sexa.
1 Comment
Os comentarios están pechados.