Alonso Montero: de oratoria e non só

É  ben probable, eu afirmaríao con seguridade, que non hai intelectual galego -se cadra tampouco non galego- que presente na actualidade un perfil bibliográfico activo tan prolífico e fecundo como o de Xesús Alonso Montero. Resulta a todas luces imposible achegarse a numerosos capítulos da nosa socio-lingüística, da nosa historia literaria, recente ou non, sen ter en conta as substanciais achegas que nos foi deixando ao longo dos anos: un herdo moi valioso que cómpre ter en conta.

Nacido en Vigo en 1928, con fortes raíces en Ventosela (Ribadavia), supera estes días os noventa e catro anos idade e faino, afortunadamente,  mantendo a súa envexable capacidade de traballo. Velaí, ademais desa valiosa actividade semanal como columnista nestas mesmas páxinas, eses dous referenciais ensaios publicados este mesmo ano sobre Antonio Machado e Florencio Delgado Gurriarán. No horizonte xa hai novos proxectos que darán os seus froitos en breve; no presente a concesión do premio Laxeiro 2023 que subliña a súa dedicación cultural e a súa traxectoria como ensaísta, entre outros valores.

Con todo, e entre outros moitos elementos da súa dimensión intelectual que se poderían salientar, permítome subliñar aquí un que viaxa co seu ADN e que se incorpora con naturalidade nas súas intervencións públicas. Refírome ao manexo exemplar das estratexias que constitúen o paso previo e necesario que asegura o éxito do exercicio didáctico, da investigación, da interpretación do que se descobre ou da peza oratoria en si, campo onde salienta por méritos propios na mellor e máis fecunda das tradicións desa arte que, no fondo, persegue persuadir e conmover. E é no seu discurso oral onde agroma unha dosificación pausada e acaída en primeira instancia, á que se lle vai imprimindo un  ritmo crecente pouco a pouco para transmitir con naturalidade e suxestión o deseño duns contidos que posibilitan afondar con garantías, con orde e transparencia, nun capítulo, ou varios, dos estudos humanísticos, literarios, sociolóxicos ou socio-lingüísticos que o ocupen. Moitas persoas, entre as que me conto desde hai décadas, percibimos e aplaudimos esta dinámica, estimable e ao tempo infrecuente por pouco transitada nos nosos días, cultivada por el longamente nas aulas e, nos últimos anos, tamén fóra delas. Testemúñano milleiros de artigos, centos de conferencias e incontables intervencións en actos culturais, congresos, xornadas ou presentacións de libros; testemuñámolo moitas persoas que lemos con interese, onte e hoxe, as súas propostas e que oímos con atención a súa palabra.

Cando Alonso Montero se doutoraba na Universidade de Salamanca cunha tese sobre Curros Enríquez outros viñamos a mundo. A distancia cronolóxica con el nunca supuxo, máis ben ao contrario, unha barreira infranqueable que dificultase cultivar a amizade. Ex toto corde.

Esta colaboración publicouse nas páxinas culturais de La Voz de Galicia, o 4 de decembro de 2022.