Héctor Cajaraville
Francisco Fernández del Riego. O legado silandeiro
Xerais, Vigo, 88 páxinas, 12,95 €, 2022
Afirmaba hai poucas datas que comezan a aparecer publicacións vinculadas co protagonista do Día das Letras 2023. Nesta liña dáse a coñecer, na colección Merlín de Edicións Xerais, o volume Francisco Fernández del Riego. O legado silandeiro a cargo do escritor Héctor Cajaraville.
Trátase este dun achegamento solvente orientado, fundamentalmente, a unha franxa de lectorado novo que co obxectivo de descubrir o papel de Del Riego na cultura galega do século XX, ámbito no que foi indiscutible protagonista.
O libro adopta unha estrutura que posibilita un avance cronolóxico no que conflúen, nun completo percorrido, tanto os elementos estritamente biográficos como aqueles abeirados ao seu traballo cultural, político, editorial ou literario no que se significou. Como elemento distintivo desta entrega, respecto doutras incursións anteriores do autor centradas na figura protagonista do Día das Letras, cómpre salientar a utilización dun recurso que, ademais, reflicte ás claras unhas das tarefas ás que dedicou moitas horas como foi a epistolografía. Velaí como Cajaraville elabora un feixe de cartas, de natureza ficcional e en momentos claves na biografía de Del Riego, dirixidas a Cunqueiro, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, Antonio Fraguas e mais o propio autor da monografía.
Unha útil cronoloxía, alén dunhas páxinas nas que se sintetiza a súa obra publicada, algúns dos recoñecementos obtidos e a bibliografía, fóra da posibilidade de acceder a unha presentación audiovisual a través dun código QR onde o autor fala sobre Del Riego, poñen o ramo a esta proposta divulgativa á que lle desexamos a maior das sortes.