Quen non ten un avó fascista?, de Inma López Silva

Inma López Silva

Quen non ten un avó fascista?

Galaxia, Vigo, 254 páxinas, 22,70 €, 2022

Retorna Inma López Silva, aínda que non só, a transitar por unha temática, a da guerra civil, que xa abordara anos atrás nunha novela da que, por certo, se reclama case a súa salvación nestas páxinas en varias ocasións como foi Memoria de cidades sen luz (premio Blanco Amor de novela en 2007) que, particularmente, moito me gustara.

Quen non ten un avó fascista? é, así pois, un exercicio de rescate e dupla autoficción pois, por un lado, vai tecéndose o contexto, a atmosfera, as expectativas e a vida cotiá que rodea a autora no momento en que a propia novela vai collendo forma, isto é, a dinámica das súas relacións persoais e o seu ámbito de actuación máis privativo que actúa como contrapunto para esoutra parte da proposta focalizada desde o título  e que resulta, dalgún xeito, pioneira pois aí mergúllase nun proceso de investigación -se cadra tamén de (auto)coñecemento- que apela á memoria familiar dispersa e nebulosa que afonda as súas raíces na aprehensión dunha memoria do 36 que non é estritamente nin a dos vencidos nin a dos vencedores. Non o é porque apunta ás persoas cuxas biografías non foron precisamente heroicas mais tampouco se irmandaron, porque non estaban convencidas, na ortodoxia fascista, isto é, persoas que priorizaron nalgún momento a supervivencia nun contexto adverso para se mover nun espazo bretemoso, estraño pero real, a cabalo entre o oportunismo e a discreción, aínda mesmo desde o poder que representaban que, en ocasións, actuou en dirección oposta ao esperado.

Este segmento argumental é o que propicia a reconstrución do que ocorreu coa memoria familiar do avó da autora mais tamén o que ocorreu con el: asediado desde a ficción, por veces desde a autoficción, desvélanse as claves que o levaron, probablemente, a actuar como actuou, con todas as contradicións que calquera ser humano pode abrazar nun momento determinado. Unha reconstrución que é, ao mesmo tempo, un exercicio que estende o seu magma, con todas as arestas posibles, con todas as hipóteses posibles, ata o noso tempo e faino no seu exacto punto medio, caneando con soltura a confesada tendencia shakesperiana da súa autora porque neste libro se dá voz aos silencios, a certos silencios.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 16 de decembro de 2022.